A UDC achega ás escolas de Carballo a súa innovadora proposta lúdica e manipulativa para aprender matemáticas
Agradecida a innovadora colaboración do Grupo de Innovación en Educación Matemática (IEM) da Universidade da Coruña (UDC) coas escolas de Carballo. Esta iniciativa, froito da colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Innovación, ten como obxectivo transformar a percepción das matemáticas a través do xogo e o uso de materiais manipulativos.
Tras o éxito acadado nos obradoiros para familias do programa Apego o pasado decembro, esta nova fase traslada a metodoloxía directamente ao ámbito escolar. Nestas sesións, o alumnado traballa con ferramentas como as regretas de Cuisenaire, bloques lóxicos e figuras xeométricas, o que permite visualizar conceptos abstractos de aritmética e xeometría de xeito tanxible.
A actividade xa pasou con éxito polos colexios Canosa-Rus, Gándara-Sofán e A Cristina. O calendario de actividades continuará nas vindeiras datas con paradas previstas nos CEIP Nétoma-Razo e Fogar.
Estes obradoiros están deseñados para adaptarse aos distintos niveis educativos, para garantir que os nenos e nenas poidan explorar as matemáticas nun ambiente de colaboración. O uso de materiais como os bloques multibase (que representan unidades, decenas e centenas) axuda a que o alumnado de primaria reforce o sistema de numeración dun xeito natural e intuitivo.
Ademais da compoñente pedagóxica, o programa destaca pola súa aposta pola normalización lingüística. Ao desenvolver estas actividades técnicas e lúdicas en galego, foméntase o uso da lingua en contextos de innovación e ciencia desde as idades máis temperás.