Último pleno do alcalde que trascendeu ás ideas

Evencio Ferrero arroupado por Dani Pérez e Ana Pontón na previa do pleno de despedida

Despediu onte Carballo ao seu eterno alcalde. O pleno deste sábado 4 ratificou a renuncia de Evencio Ferrero (o do vindeiro día 11 confirmará a Dani Pérez como novo rexedor), nunha cita que serviu de despedida, de agradecemento e de homenaxe a un home que fixo historia na política galega.

Un alcalde que non necesita abrir os eventos para coller protagonismo. Máis ben todo o contrario: el agarda a que vaian pasando as intervencións, e ao remate, el pon o contrapunto, esa idea acertada que faltaba e que sempre serve para pechar o círculo.

Un alcalde que conseguíu unha política municipal responsable, un pleno limpo, sen insultos, sen malas palabras, con respecto e ata boa relación entre as diferentes agrupacións políticas, algo nunca visto noutros concellos da provincia.

Un alcalde para todas, que trasncende ás siglas e ás ideas, que conseguiu envorcar, durante dúas décadas, os resultados das eleccións autonómicas ou estatais, facendo do BNG a forza política principal dun Carballo que é referencia nacional en dinamismo económico, social e cultural.

Así, salón de plenos ateigado, dirixou o seu último pleno tras 22 anos de mandato, lanzando unha emotiva despedida.

Salon de plenos de Carballo ateigado para despedir a Evencio

Ana Pontón: “Carballo é o exemplo do que queremos para Galiza”

Evencio estivo arroupado pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que destacou que Evencio foi “o mellor alcalde da historia de Carballo, líder dun equipo extraordinario de homes e mulleres que pensaron Carballo en grande, que traballaron con humildade pero con ambición, ao lado da xente, sempre coa man tendida”.

Ana Pontón con Evencio Ferrero e grupo municipal do BNG carballés

Evencio Ferrero, subliñou, pon fin a unha traxectoria política “impecable e extraordinaria, e isto non é unha apreciación persoal motivada pola admiración e polo inmenso aprecio que lle teño”, declarou a líder do BNG, “senón que falan os feitos, a realidade dun Carballo que hoxe é un referente de dinamismo económico, social e cultural en toda Galiza”.

“Para min unha honra poder dicir que o éxito de Carballo é o resultado dun proxecto político claro, que demostra a capacidade do BNG de transformar en positivo e de mellorar a vida da xente nos concellos que goberna. Carballo é un éxito, o exemplo da Galiza que o BNG quere poñer en marcha, desde a confianza, desde o orgullo de saber que somos un gran País e un gran pobo”.

Pontón tivo tamén palabras para o sucesor, un Dani Pérez “que comparte co até agora alcalde o seu profundo coñecemento do concello e a súa paixón por Carballo. Os veciños e as veciñas poden ter a seguridade de que Carballo seguirá na mesma senda de progreso e de avance con Daniel Pérez que, ademais de contar cun equipo de goberno extraordinario, tivo a oportunidade de aprende do mellor”, concluíu.

Máis novas