mércores. 01.10.2025
El tiempo

Evencio Ferrero explica a súa renuncia despois de 22 anos como alcalde de Carballo

Evencio Ferrero anuncia a sua marcha como alcalde de Carballo
Evencio Ferrero explica a súa renuncia despois de 22 anos como alcalde de Carballo

Emotiva despedida a que protagonizou esta mañá Evencio Ferrero da alcaldía de Carballo. Trala asemblea do BNG comarcal celebrada onte na capital bergantiñá, o grupo decidía darlle relevo a un dos alcaldes máis importantes da historia da vila. Tras 22 anos de mandato deixa un legado impecable, tras demostrar que é posible comandar un proxecto político dende o consenso e o diálogo, sen espaventos e a base de feitos.

Será Daniel Pérez, o actualmente deputado, o que tome o relevo na alcaldía, xa a partir do vindeiro 11 de outubro. Farao despois renuncia presentada esta mañá por Evencio, “por motivos estritamente persoais”, tanto á alcaldía como ao seu posto de concelleiro. Unha renuncia que se ratificará no pleno deste sábado 4 de outubro.

Ferrero protagonizou unha emotiva rolda de prensa rodeado dos edis carballeses, no que recoñecía que tomou esta decisión “pensando no mellor para Carballo, que é preciso cambiar cousas para que todo siga mellorando”.

Nunha das primeiras reflexións quixo agradecer tamén aos grupos da oposición “por manter no pleno un debate sempre construtivo, sempre en base ao respecto e á confianza que se debe xerar cara os veciños e veciñas, escapando sempre de espectáculos doutros Parlamentos ou Concellos. Gústanos que en Carballo predominen as ideas e os proxectos”, sentenciou nesa liña. “Conseguimos que o debate política quedase sempre no eido político”.

“Por que neste momento? Acabo de cumplir 70 anos, que non son poucos. Empecei nesta corporación no ano 79, e pasaron 46 anos, polo que pensamos que é o momento de poñerse ao lado e que haia un relevo na responsabilidade da alcaldía”, sinalou recoñecendo ademais que acaba de xubilarse profesionalmente como mestre, igualmente.

Falando de datas, lanzoulle aí unha brincadeira a Daniel Pérez. “Daniel terá os mesmos anos cando tiña eu cando entrei na alcaldía, espero que dure tanto coma min”, lanzouse o desafío, poñendo tamén en valor a súa experiencia, “integrado dende hai tempo na dinámica do grupo”, e mesmo sinalou que será el o que escoite os consellos de Dani máis que do revés.

Asegurou que seguirá sendo militante do BNG.

Comentarios