Vieiro “bebe saúde” polas escolas co gallo do Día Mundial sen Alcohol

Unha charla de Vieiro con 6º do CEIP Fogar

Hoxe luns día 15 de novembro é o Día Mundial sen Alcohol, e por iso a Asociación Vieiro levará a cabo durante toda a semana unha serie de talleres no ámbito escolar baixo o lema: “Bebendo Saúde” co fin de previr o consumo desta sustancia e informar achega dos problemas asociados. Os alumnos/as de 5º e 6º de educación primaria dos centros escolares do Municipio de Carballo, serán os/as destinatarios/as destes talleres.

Neste taller trabállanse mitos e realidades sobre o alcohol e o seu consumo, coñecemento das consecuencias do seu consumo co fin de aumentar a percepción do risco, estratexias para o fortalecimiento da autonomía estimulando as eleccións libres e responsables.

Como novidade deste curso escolar para levar a cabo este taller, utilizaranse unhas lentes que simulan os efectos do alcohol a través da vista. Os efectos máis correntes simulados con estas lentes son: redución do estado de alerta, tempo de reacción lento, distorsión visual, cambio fundamental na apreciación das distancias, redución na visión periférica, visión desdoblada, falta de equilibrio e de coordinación muscular.