Axober organiza unha xornada de reflexión para conseguir un “Bergantiños cero emisións”

Nova acción artellada pola Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños. A Axober suma unha nova cita ao seu catálogo anual de eventos, e aínda que é a primeira edición, a xornada "Bergantiños cero emisións· nace con vocación de continuidade. Carballo vaise converter este sábado 8 de novembro no punto de referencia da mobilidade sostible e as enerxías renovables a través dunha iniciativa que inclúe exposicións, charlas e demostracións técnicas.

“Agardamos que sexa unha xornada enriquecedora para todos”, indicou Diego Iglesias, presidente de Axober, na presentación da xornada, na que estivo acompañado por representantes de varias das empresas participantes. Por parte do Concello de Carballo, que colabora na iniciativa xunto coa Deputación da Coruña, asistiron os concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Innovación, Iván Andrade, ademais do alcalde, Daniel Pérez.

A xornada falará de transporte, de vehículos e infraestrutura de carga, así coma das diferentes opcións que ten tanto a empresa privada como as administracións, poñendo o foco nos vehículos eléctricos. 

Progama

A xornada, aberta a toda a ciudadanía, celebrarase este sábado 8 nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. A inauguración oficial está programada para as 11.00 horas, e ao longo da xornada celebraranse mesas redondas e charlas nas que intervirán Pepe Bello, de Energal; Carlos Carmona, de Qwello; Óscar Vázquez, de Diexfe Material Eléctrico, e Emilio Froján, de Velca, todos eles  epresentantes de empresas punteiras do sector.

De xeito paralelo, na rúa Desiderio Varela haberá unha exposición de vehículos das marcas participantes: Toyota, Hyundai, Peugeot, Kia, Nissan, Renault e Skoda.