Xurxo Souto e a súa Novela do Bravú completa a oferta musical do Casino1889 para este sábado
Este sábado 7 de febreiro ás 19:00h preséntase en sociedade no Casino1889, a Asociación Musical Costa da Morte. Unha cita moi especial que se verá completada cunha presentación excepcional.
Así, a partir das 12 do mediodía, Xurxo Souto presenta "A Novela do Bravú", no Casino de Carballo coa presentación de Vitor Lourenço. A eterna voz dos Diplomáticos e un dos fundadores do bravú, é agora mestre de latín no IES Parga Pondal de Carballo, polo que a presentación será moi especial para el:"Acodir a un acto ao Casino de Carballo sempre é unha dobre emoción. En primeiro lugar porque falamos dun precioso espazo cultural que triunfa día a día, sobre a ameaza da especulación, grazas ao amor e ao compromiso da cidadanía. E, tamén porque, diante de tanto agoiro apocalíptico, a capital de Bergantiños é o gran referente de vida e futuro para a lingua galega. No 1992 Carballo mudou a miña vida. A primeira gran actuación dos Diplomáticos foi no San Xoán dese ano. E foi ben. O que até entón era só o proxecto duns rapaces de Monte-Alto: armar música en galego para a xente nova, encheuse esa noite co arroallo da vida. Cando estabamos absolutamente desfeitos despois de dúas horas de arroutada, achegouse un vello e botou esta sentenza: Estivo ben, pero tocastes pouco!"
Carballo foi o principio verdadeiro da revolución do bravú!!