martes. 27.01.2026
El tiempo

A Asociación Musical Costa da Morte preséntanse en sociedade: “O fundamento é tocar”

Asociacion MUsical Costa da Morte algunha das suas bandas
Cartel da presentación Asociación Musical Costa da Morte con algunha das súas bandas
A Asociación Musical Costa da Morte preséntanse en sociedade: “O fundamento é tocar”

Xa levan ano e medio arrenxuntando bandas e unindo esforzos para nacer con algo de músculo. E agora, xa cunha ducia de bandas e uns 50 artistas representados, é boa hora para darse a coñecer no panorama musiqueiro galego.

A Asociación Musical Costa da Morte (@ amcostadamorte) vivirá a súa presentación oficial o vindeiro sábado 7 de febreiro de 2026, a partir das 19:00 horas, no Casino1889 (Rúa Vázquez de Parga, 1).
O acto inclúe un coloquio aberto, intervencións de representantes e un pequeno encontro musical con actuacións en directo de varios membros da entidade, dirixido a músicos, entidades culturais e público afeccionado da comarca.

Obxectivos

A nova asociación nace co obxectivo de promover a música e as actividades culturais na Costa da Morte, unha zona con rica tradición musical pero que precisa de maior coordinación entre bandas, solistas, agrupacións locais, e demais axentes relacionados co panorama musical da zona.
O acto servirá para presentar os plans iniciais de actividade da asociación, segundo os obxectivos recollidos nos seus estatutos.

Guillermo Mato, un dos membros de The Cerne e un dos promotores da entidade como persoa de longo percorrido no mundo musical bergantiñá, cóntanos como nace. “A Asociación naceu ano e pico, que levamos recompilando grupos. Xurdiu porque a meirande parte das bandas de Bergantiños, estamos aí, pero como moi desperdigados, case que facéndonos a competencia sen querer, e é unha tontería que estamos todos ao mesmo. E a realidade é que estamos algo desamparados ante as produtoras máis grandes e que costa mover actuacións”, recoñece.

Pouco a pouco, van sumando bandas e músicos, coa intención de darse a coñecer e que se unan todas as bandas que queiran. “O fundamento da Asociación é tocar!”, afirma rotundo, polo que a intención é mover bolos por toda a comarca. “Un dos proxectos é conseguir que cada mes haia polo menos unha actuación con 2 bandas no Casino”, explica, ademais de unificar a oferta e que “se chama un Concello, un local ou unha asociación porque necesita un grupo, nós expoñemos o catálogo de bandas que temos e que escollan”. Non atenden a estilos e de feito, aínda que por agora prevaleza o rock, hai tamén bandas de metal ou máis tradicionais.

Radicados no vivo Casino1889, a entidade ademais está a conseguir material para ter na Asociación e que os poidan usar os grupos. E ten outra idea: organizar un festival que se vaia rotando pola Costa da Morte, que inclúa grupos da Asociación e que haia unha banda de renome que atraia máis público.

”Temos esperanza de que vai funcionar moi ben”, sinala Mato, que xa teñen formulado ofrecer un prezo unitario por músico no catálogo, unificando a oferta de todas as bandas que, por agora, forman a entidade, pero que de seguro seguirán aumentando:

  • The Cerne (Carballo)
  • Versión Imposible (Carballo)
  • Talesien (A Laracha)
  • Rusty Nuts (Carballo)
  • Mal Juicio (Vimianzo)
  • Docelabirinto (Cerceda)
  • Máxica (Cerceda)
  • Quercus Blues (Carballo)
  • Anabel (A Laracha)
  • Aquilón (Carballo)
  • Lowcos (Carballo)
  • Do Rivés (Carballo)

Máis artigos musiqueiros en #SoandoconForza

Comentarios