Carnota contrata 17 persoas para a limpeza das praias e para a prevención de incendios

Coa chegada da campaña estival, o Concello de Carnota vén de contratar dúas brigadas para a limpeza e posta a punto das súas praias e para a prevención de incendios.

Por unha partes, vén de realizar as contratacións dunha brigada composta por un total de 13 persoas que se encargarán da limpeza das praias do concello durante os meses de verán. 

Distribuiranse en 3 grupos de traballo, o cal consistirá na limpeza manual de todos e cada un dos areais, así como as áreas lindeiras a estes, a fin de manter en óptimas condicións de uso a zona de costa e preservar o valor natural e ecolóxico dos espazos e areais que conforman a fachada litoral do concello de Carnota.

O programa MA100, de subvencións para a limpeza de praias marítimas, dirixido aos concellos da Provincia da Coruña durante o exercicio 2025, está financiado ao 100% pola Deputación da Coruña, cun total de 30.518,36€.

Prevención de incendios

O Concello de Carnota tamén contratou outra brigada composta por un total de 4 peóns forestais realizarán tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa, en concellos como o de Carnota clasificados como Zonas de Alto Risco de
incendios (ZAR).

Os traballos realizaranse durante un período de 9 meses, dende xuño deste ano a marzo do ano 2026. O programa está financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, subvencións para o emprego no medio rural (Aprol Rural) cun total de 66.408,00 €.