Carnota xa coñece a loita de Moncho Valcarce

Un nutrido grupo de persoas asistiu, a tarde do pasado 23 de novembro, á inauguración da exposición "Moncho Valcarce: unha vida de compromiso", no salón de actos do Concello de Carnota. Unha exposición que chega a Carnota da man da Irmandade Moncho Valcarce.
Ramón Muñiz de las Cuevas, Xácome Santos Gayoso e Domingo Martínez Beiro (Gino), todos eles membros da Irmandade, interviron nun acto presentado polo alcalde.

Domingo Martínez Beiro explicou as claves da personalidade de Moncho Valcarce e fixo un percorrido pola súa traxectoria vital, a través dos paneis que integran a exposición. Así mesmo, o acto acolleu a presentación do libro Moncho Valcarce, un símbolo para Galiza. Diarios inéditos e outros textos, por parte de Ramón Muñiz de las Cuevas e Xácome Santos Gayoso, presidente e secretario da Irmandade Mocho Valcarce, respectivamente. A obra, coordinada polo teólogo e escritor Victorino Pérez Prieto e editada por Trifolium, recupera un conxunto de escritos inéditos de Moncho Valcarce introducidos por unha ampla biografía.

Para rematar, e antes de dar paso ás intervencións do público, Juan Lestón recitou un emotivo poema da súa autoría, dedicado a Moncho Valcarce.

A exposición pode visitarse ata o 30 de decembro, de luns a venres, dende as 8:00 h ata as 14:30 h.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa de Luísa Beiro Agulleiro, SNL do Concello de Carnota.