En marcha as actividades extraescolares en Carnota

Mañá martes 24 de setembro remata o prazo para inscribirse nas actividades extraescolares que o Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Carnota oferta durante o curso escolar 2013-2014. Hai un pouco de todo, dende as escolas deportivas, pasando polos Venres lúdicos, a un curso de informática e a gran Escola de Música.

Escolas Deportivas

Chega o inverno e con el os obxectivos que nos marcamos ao finalizar o verán, entre eles, empezar a facer deporte! Pois iso, ofertamos diferentes actividades, tanto para os máis pequenos coma para os máis maiores da casa.

Para os nenos/as: patinaxe (de 4 a 15 anos), psicomotricidade (3 a 6 anos) e deportes de raqueta (6 a 14 anos) as tres actividades impartidas por María Lestón Leis; fútbol (dende a categoría prebenxamín) e taekwondo (a partir dos 5 anos).

Para os adultos: ximnasia de mantemento (bailes aerolatinos, pilates, aeróbic, step, body-tónic, tonificación, interval traninig, streching, etc.) 2 horas á semana en Lamas de Castelo e en Lariño e unha no Pindo; e como novidades, patinaxe tamén para adultos (coa posibilidade de aprender a xogar ó hockey) e apertura gratuíta todas as tardes do pavillón de Carnota para disfrute dos veciños nas horas que a monitora non estea dando as clases.

Escola de Música

Nas instalacións do CEIP do Pindo estaremos un ano máis impartindo as clases de música. Ofertamos clases grupais e individuais de Linguaxe Musical, Iniciación Musical, Música para adultos, Combos, Coral, Orquestra Orff, Tamboril, Harmonía e Composición, Coro infantil, Grupo de Música Tradicional e unha gran variedade de instrumentos (guitarra, piano, baixo eléctrico, guitarra eléctrica, saxofón, clarinete, gaita, pandeireta, percusión, batería, percusión tradicional, frauta, frauta traveseira e canto).

A partir dos 4 anos toda persoa pode apuntarse, aprender e gozar da música. O curso comeza o 1 de outubro de 2013 e a reunión de principio de curso para horarios e demais cuestións será o luns 30 de setembro, ás 19:30h, no salón de plenos do Concello. Os prezos son os que marca a ordenanza fiscal correspondente (igual que nos cursos anteriores).

Curso de informática

Un ano máis, o Concello oferta clases de informática. Impartiranse clases de iniciación á informática, informática de nivel medio, internet (ocio, compras e operacións, redes sociais, mensaxería electrónica, etc.), ofimática, gravación de CD, gravación de audios, instalación de programas no equipo, retoque de imaxes, entorno Windows e mecanografía.

Estes cursos desenvolveranse na aula de informática do Concello, situada en Lira, e están dirixidos a todas as persoas de 4 anos en adiante que estean interesadas nas novas tecnoloxías.

Venres Lúdicos

Venres Lúdicos é un programa de dinamización lectora dirixido a nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo da educación infantil (3-6 anos) e no primeiro ciclo da educación primaria (6-8 anos). Engloba actividades culturais de diversa índole (sesións de contacontos e obradoiros variados), orientadas a estimular o hábito lector na infancia e a achegar os nenos e as nenas participantes ao mundo do libro e da lectura dun xeito lúdico.

Ten un horario de: os venres, de 16:30 h a 18:30h. E unha Duración: do 18 de outubro de 2013 ao 13 de xuño de 2014.
Prazas ofertadas: 15 (as prazas cubriranse por orde de inscrición. No caso de que o número de inscricións exceda o de prazas ofertadas, elaborarase unha listaxe de espera co obxecto de que os/as nenos/as que non obtiveran praza poidan incorporarse á actividade, de se producir algunha baixa).

  • Inscrición: do 17 ao 30 de setembro de 2013, na Axencia de Lectura Municipal.

Novas relacionadas

Fonte

  • Concello de Carnota.