O Festórreo de Lira vestiuse de festival

Familia de artistas do Festorreo de Lira

A Eira da Cabaseira vestiuse de gala e quedou pequena (disque foi o ano con maior afluencia), para presentar o novo espectáculo da A.C. Canle. O Festórreo convertiuse nun gran Festival, no Cabaseira Fest, para facer unha especie de parodia da moda festivaleira que invade cada verán o país. Unha festa única e diferente que cada vez vai a máis, a pesar de que as dimensións do espazo non dan para moito máis.

Non faltou a tradicional degustación de empanadas de millo, gracias á colaboración moitas persoas da vila, aderezada pola interpretación musical das cantareiras Nunca é Tarde. 160 empanadas foron devoradas en apenas unha hora, o que dá conta da cantidade de xente que enchía o lugar.

 

Como non podía ser doutro xeito, os artistas da Canle, dirixidos por Miguel de Lira, sacaron as risas de todos os asistentes. O gran momento sempre chega co “Canle Nius”, o agardado "informativo local de alcanse mundial", conducido por un xenial Miguel de Clarisa (como lle coñecen na súa terra ao actor), con moitos veciñ@s convertidos en presentadores de primeira liña, e un Federico Pérez espectacular.

Mención aparte merece a participación de Adhara Caamaño, facendo da Luz Casal anfitriona festivaleira, combinando risas cunha incrible voz.

Xa de noite, si que a Cabaseira convertiuse nun fermoso festival, pois case sen querer quedou un cartel de primeira con Luar na Lubre, Astarot e o DJ HSQ. Nótase que os concertos este ano tamén eran moi esperados pois case todo o mundo quedou para disfrutala. 

O dous grupos coincidiron en que o sitio onde tocaron era dos mellores nos que estiveran pois aparte do espectacular contorno, o palco é algo único, rodeado de mazanceiras, cun ambiente festivo excepcional.

Ademais, a cita serviu de homenaxe ao actor Celso Parada, finado esta pada semana.



Luar na Lubre na Cabaseira