Quilmas xa prepara unha nova cita co Mercado Ecolóxico

O pasado martes coñeciamos a decisión da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa, de ampliar o seu Mercado Ecolóxico a sete edicións por ano, unha por mes. Deste xeito, hoxe contamosvos as actividades que desenvolverán na vindeira cita, que será este mes de agosto, a fin de semana do sábado 13 e o domingo 14. O Mercado será o sábado, e estará complementado por unha xornada de interese cultural, con roteiros e actividades como charlas, debates, proxeccións e música. Programa O sábado 13 abrirán o xa coñecido Mercado Ecolóxico tradicional de hortalizas, alimentación ecolóxica, e artesanía. Dende as 10:00h da mañá ata a tardiña estarán abertos os postos. A información sobre a causa tampouco faltará, xa que haberá varios postos informativos levados por asociación para a defensa do territorio, a promoción da biodiversidade ou o fomento dun consumo responsable. No eido gastronómico, desenvolverase unha degustación de tomates e mel orixinarios de Carnota. Outras ofertas deste día son unha barra da Raínha Lupa con produtos biolóxicos e naturais, ou a posibilidade de xantar alí, pois estarán á venda racións de polbo, empanzas, pizzas e outros produtos da casa. Xa o domingo 14 de agosto abrirá a mañá un roteiro reivindicativo baixo o título de Pola defensa da terra, no que se fará un percorrido pola Costa de Quilmas. Salientaranse todos os valores medioambientais, etnográficos e históricos da zona. Para pechar a fin de semana, á tarde haberá un cinefórum, coa proxección de O mundo según Monsanto, unha documental que denuncia a influencia negativa sobre a saúde e o medio ambiente dos alimentos transxénicos e os herbicidas. Haberá un debate posterior moderado por Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA. Dende a Cooperativa Raínha Lupa fan un chamamento á participación nestas xornadas. Para participar nestas actividades, hai que dirixirse ao enderezo electrónico casadareinalupa@hotmail.com ou nos teléfonos 697 364 124 e 981 760 227.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Cooperativa de Agricultura Ecolóxica Raínha Lupa de Quilmas.