Un repaso ao medio millón de euros en melloras nos accesos ás praias de Carnota

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, visitou esta mañá o concello de Carnota para comprobar o resultado das actuacións impulsadas polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico no litoral do municipio, acompañado polo alcalde, Juan Manuel Saborido, e polo xefe da Demarcación de Costas de Galicia, Carlos Gil.

Durante a visita, Julio Abalde destacou a importancia dunhas intervencións que suman un investimento total de 523.807 euros, entre os traballos realizados na praia de Carnota e a mellora do acceso en Portocubelo. 

Na praia de Carnota, integrada na Rede Natura 2000 e considerada a máis extensa de Galicia cos máis de 7 quilómetros de lonxitude, executáronse actuacións orientadas á conservación do sistema dunar e á ordenación dos accesos peonís nas zonas de Caldebarcos, Boca do Río, Carnota e Mallou. Os traballos incluíron a retirada de especies exóticas, novos peches con corda para canalizar os accesos e medidas para limitar a entrada de vehículos.

Ademais, renovouse o acceso central ao areal coa retirada da antiga pasarela e a construción dunha nova infraestrutura de madeira elevada sobre a marisma, deseñada para resistir mellor as inundacións provocadas por grandes preamares e fenómenos meteorolóxicos adversos. “Estas obras son un exemplo de adaptación intelixente ao cambio climático e de respecto polo medio natural”, subliñou o subdelegado.

No conxunto da actuación na praia construíronse máis de 1.300 metros cadrados de pasarelas, preto de 892 metros lineais de peches con corda e instaláronse elementos para impedir accesos indebidos de vehículos. O investimento nesta intervención ascendeu a 462.277 euros.

Por outra banda, en Portocubelo levouse a cabo a adecuación dun novo acceso no dominio público marítimo-terrestre mediante unha senda peonil de 70 metros de lonxitude e dous metros de ancho, conectando a zona portuaria coa Caseta Musealizada de Pepe do Cuco e co resto de sendeiros costeiros.
Nesta actuación construíuse unha pasarela de madeira elevada sobre a rocha, pavimento de adoquín e bordillo de granito na conexión final, así como novas varandas de madeira. O investimento destinado a esta mellora foi de 61.530 euros.