Unha visita da UNED Sénior da Coruña por Carnota con María Lago
O Concello de Carnota recibiu este mércores a visita dun grupo de 38 alumnos e alumnas da UNED Sénior da Coruña, acompañados polo seu coordinador e titor, Luís Ángel Rodríguez Patiño, nunha xornada dedicada á historia e ao patrimonio do municipio.
A visita comezou na parroquia de Lira, onde o grupo foi recibido por María Lago, técnica de Turismo do Concello de Carnota. Alí recibiron unha explicación introdutoria sobre os principais valores patrimoniais, monumentais e culturais tanto da parroquia como do conxunto do municipio.
A continuación, o grupo desprazouse ata a Caseta de Pepe do Cuco, un dos espazos etnográficos máis singulares da Costa da Morte. Trátase dunha antiga caseta de pescadores convertida nun pequeno espazo interpretativo dedicado á historia local.
A seguinte parada foi o hórreo de Lira, un dos máis monumentais de Galicia, construído entre 1779 e 1814 e vinculado á Igrexa de Santa María de Lira. Con 36,5 metros de lonxitude e 22 pares de pés.
O grupo realizou tamén unha breve parada no Recuncho de Castelao, un espazo de memoria situado na estrada principal de Lira. Neste punto consérvase un busto do escritor e político galego Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, acompañado dunha fotografía histórica do mitin que ofreceu na zona, un recordo vivo da súa relación coa Costa da Morte.
A xornada rematou coa visita ao edificio do Concello, onde o grupo foi recibido polo alcalde, Juan Manuel Saborido que agradeceu a visita da UNED Sénior da Coruña.