A Volta de Gloria estrea a súa sinalización por Carnota e Cee

Imaxe da novas sinalización da Volta de Gloria por Carnota

é relativamente estrano ver como un sendeiro famoso no mundo enteiro non recibe apoio da administración despois de máis de 10 anos como o mellor produto turístico de toda unha comarca, pero esa mesma administración aposta, decididamente e eficazmente por outro con todo por facer.

Así e todo, alegrámonos que o proxecto da Volta de Gloria avance. E que avance rápido. Hai apenas 8 meses era presentada a idea, o proxecto, e hoxe unha parte do sendeiro xa está sinalizado. De feito, acaba de rematarse a sinalización definitiva da Volta de Gloria, ao seu paso polos concellos de Carnota e Cee, sinalizada grazas ao financiamento do GALP Costa Sostible.

Trátase do primeiro itinerario circular cultural e paisaxístico que conecta dúas rutas xacobeas (o Camiño de Fisterra-Muxía e o Camiño da Ría de Muros e Noia), e que permite continuar o Camiño dos Faros (que une Malpica e Fisterra) pola costa, para percorrer dende Cee a Muros (Fisterra-Cee xa está conectado polo propio Camiño).

A sinalización consta de postes de madeira coa imaxe da Volta de Gloria, unha frecha azul para indicar a ruta que debe seguir o sendeirista e, ademais, unha referencia á distancia en quilómetros ata as localidades máis importantes desta ruta. A ruta definiuse a partir do traballo de Antón Pombo, José Antonio de la Riera e Segundo Saavedra, tres profesionais con recoñecida traxectoria e experiencia no turismo e a cultura.

"O resultado é unha ruta costeira por un dos tramos máis impresionantes e mellor conservados do litoral peninsular, con paisaxes emblemáticas e atractivos naturais, sinalada con frechas azuis, non amarelas, xa que segue o seu fío condutor, que é o mar", explica Antón Pombo, historiador, escritor, xornalista e un dos principais expertos no Camiño de Santiago.

Este é un punto co que coincide José de la Riera, para quen a Volta de Gloria é «un agasallo etnográfico, lendario e paisaxístico, un verdadeiro premio ao final do final de todos os Camiños de Europa». Escritor, investigador e membro fundador de diversas organizacións como a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago e a Asociación do Camiño Mariano, José de la Riera explica que “a Volta de Gloria é un itinerario mítico que une montañas sagradas xunto ao océano infinito. O Faro de Fisterra, o Olimpo Celta do Monte Pindo, o Monte Louro… un itinerario para aventureiros, buscadores, folións e, sobre todo, xente ociosa, aqueles que escapan do menú diario do Camiño e descobren como se poden atopar tesouros antigos a só cincuenta metros da súa ruta”.

Promoción do Itinerario

O seguinte paso da Volta de Gloria está ligado á súa promoción. Para iso, está a elaborarse un folleto informativo que inclúe a ruta sinalizada e tamén se está a desenvolver unha páxina web que incluirá todos os atractivos naturais, históricos, gastronómicos e patrimoniais que se poden desfrutar entre Cee e Muros. Dúas iniciativas que se porán en marcha proximamente.

 

Máis novas