A Volta de Gloria colle peso en FITUR

Xa tivo o seu protagonismo na presentación da Asociación Solpor, pero a Volta de Gloria foi protagonista da presentación realizada pola Ría da Estrela Muros-Noia no stand de RV Edipress.
Presentouse este sendeiro como o primeiro itinerario cultural e paisaxístico circular baseado en dúas Rutas Xacobeas (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), con saída e meta en Santiago
Un itinerario que suma un total de 300 quilómetros e que se pode facer en 10 ou 15 días. “Sumamos unha ruta ao borde do mar a dous camiños xacobeos. E fixémolo a través dun dos tramos do litoral peninsular mellor conservados e máis impactantes, polas paisaxes naturais e icónicas que o camiñante vai atopar”, sinalou Antón Pombo, quen fixo fincapé que o tramo de Volta de Gloria, entre Cee e Muros, “xa está sinalizado con sinais azuis seguindo o seu leitmotiv, que é o mar. Preséntase hoxe e estará operativo en primavera. É un espazo de transición entre a Costa da Morte e o inicio das Rías Baixas”.
Un premio para o peregrino
O presidente da Ría da Estrela salientou “o atractivo e potencialidade está en todo o seu itinerario: hai riqueza histórica, riqueza patrimonial, riqueza paisaxística, riqueza gastronómica e riqueza na hospitalidade das súas xentes”, que ofrecerá “unha nova experiencia aos peregrinos, sendeiristas e, en xeral, todas as persoas que se acheguen”.
o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, afirmou que “me parecía moi inxusto que a xente de España non coñecera a gloria que hai en Carnota, cunha praia que é a máis grande de Galicia e que era unha pena non vela de preto e non camiñala. Porque para o espiritual está o Camiño de Santiago pero no terapéutico recoméndolle a todos que dean un paseo pola praia de Carnota porque seguro que non fai falla ir ao médico”.
A alcaldesa de Muros, María Lago, destacou que a Volta de Gloria é “un espazo de transición entre a Costa da Morte e as Rías Baixas”. María Lago asegurou que “sempre nos preguntan se Muros é Costa da Morte ou é Rías Baixas, cando somos realmente o que une a Costa da Morte co inicio das Rías Baixas. Con Volta de Gloria conseguimos unir estas dúas paisaxes tan diferentes en Galicia cun itinerario espectacular”.
Raúl González, alcalde de Dumbría, bromeou cos presentes dicindo que “eu son os que menos metros de Camiño ten, so 22 metros” pero salientou que “temos un punto turístico moi importante que é a Fervenza do Ézaro e un pouco máis arriba o miradoiro, un punto icónico tanto dende o aspecto turístico como deportivo por ser fin de etapa da Volta Ciclista a España tres veces. Unha fervenza que se ilumina todas as fins de semana no verán e que é unha experiencia que todos deberían experimentar”. Por iso destacou que “é moi interesante abrir o abanico aos peregrinos, que normalmente non collen este percorrido”.
Finalmente, Jesús Picallo, vicepresidente del Cluster de Turismo de Galicia, puxo en valor o traballo realizado por Antón Pombo na delimitación da Volta de Gloria e destacou que “unir dous Camiños vai ser unha experiencia única” que terá un importante impacto económico nas localidades polas que discorre.
Percorrido
A Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.
Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas á financiación do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio. Trátase dun produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto tamén a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana.