Xurxo Trillo presenta “Ondas de Lira”, o seu proxecto máis persoal e o primeiro en galego
O Concello de Carnota acolleu onte a estrea de “Ondas de Lira”, o novo videoclip de Xurxo Trillo, unha peza creada en colaboración co Concello e O Moncho Burguer. Durante o acto, o artista carnotán compartiu co público os pequenos segredos do proceso creativo e os motivos íntimos que o levaron a compoñer esta canción tan especial.
Con “Ondas de Lira”, Xurxo mergúllase por primeira vez no galego para dar forma ao que el mesmo define como o seu traballo máis persoal ata a data. A conexión coa súa terra, as emocións vividas e a identidade cultural marcan esta nova etapa na súa traxectoria artística.
A presentación contou cunha gran acollida por parte da veciñanza. Moitas persoas de Lira e Carnota achegáronse ao salón de actos do Concello para arroupar a Xurxo, gozar da súa música e mesmo quedar abraiadas coa súa actuación en directo, que culminou un serán cargado de emocións e orgullo compartido.
O videoclip xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais e tamén pode verse a través da web oficial xur.es.