Xurxo Trillo: Da #VozKids ao Youtube… e a Disney

18 anos xa aquel pequeno carnotán que deslumbraba a toda España en La Voz Kids. Pero Xurxo Trillo non para de cantar. Cambiou a tele polo Youtube, cambiou aquel alcume “Ñas” por un Xurxo Trillo máis profesional, e agora xa é case toda unha estrella da rede, como o corroboran os seus 4.600 followers no TW.

Antes de falarmos con el, fixádevos como se define:

 

Xurxo Trillo é canteira da prolífica Escola de Música de Carnota. “A ESMU ten un gran valor para min”, explícanos. “Foi o lugar onde me axudaron e me formaron desde que fun seleccionado no meu primeiro programa de televisión con 9 anos, creo recordar. Esta escola foi un pilar fundamental para min e sempre, sempre lle estarei agradecido. Ademais, penso que fai moita falla fomentar a música na nosa terra, é algo do que estou moi orgulloso”.

A día de hoxe ademais de estar estudando dúas carreiras (Xornalismo e Comunicación Audiovisual, na USC), ten tempo para coidar ese canle de Youtube, aproveitando que os contidos das carreiras lle serven e lle animan a seguir creando. “É certo que paso moitos traballos, xa que tanto o audio coma a imaxe do vídeo grávoos e edítoos eu só, pero son feliz facéndoo e penso que realmente paga a pena!”, conta.

Pero non é o único dos seus proxectos en marcha. Cóntanos ilusionado que “hai tan só uns días comecei o meu primeiro traballo profesional como doblador da banda sonora en español da serie de Disney "Star Contra Las Fuerzas Del Mal”. Traballar para Disney é algo no que sempre soñei, e aínda estou moi impactado por esta gran oportunidade”, recoñece.

Xurxo Trillo coa Orquesta Xuvenil de Estudio

Agora, ademais do seu Youtube, participa noutras agrupacións como O Coro da Rá, ou nestrouta de tinte funk Orquesta Xuvenil de Estudio Escola, coa que canta e toca o trombón. Fixádevos que ben soa:

 

Porque Xurxo escoita un pouco de todo. “Por un lado encántame o jazz e a música americana antiga en xeral, pero tamén escoito todo tipo de música actual, e en galego tamén, por suposto!” .

Pois quedamos encantados de coñecer un pouco máis a este lector habitual de QPC, e aquí vos deixamos con algunha das súas últimas creacións, que dán conta da capacidade creativa deste artista liracho.

   

Novas relacionadas

 

Máis novas musi-costeiras

Máis novas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).