ANC critica o "brutal recorte" ao Concello de Cee en programas de cooperación

Primeira nota do grupo da Asemblea Nacionalista de Cee dende que deixou o goberno. Xa dende a oposición, o grupo quere criticar o "brutal recorte" que a Xunta de Galicia vén de realizar en materia de cooperación.

Lembran dende ANC o novo Mapa dos grupos de Emerxencias e Protección Civil que impulsou a Xunta hai uns meses e que deixou a Cee sen Grumir. ANC "ademais de presentar unha serie de alegacións contra esta decisión, anunciou que reclamaría o mantemento dos fondos para a contratación de persoal por parte do goberno galego".

Recorda Daniel Oca que "o pasado ano o Concello de Cee recibiu 129.278,32 euros para a contratación dos 3 capataces e 9 peóns do GRUMIR e 2 vixiantes de praia". Sen embargo, "este ano a aportación da Consellería de Traballo descedeu até os 39.591,28 euros, menos dun terzo da cantidade do ano pasado". Unha cantidade que considera "notoriamente insuficiente para facer fronte ás necesidades de mantemento e conservación que ten o Concello de Cee".

E pon causas a este recorte: "No fondo da cuestión está o infantilismo co que a Xunta de Galiza trata ás entidades locais. A Asemblea Nacionalista de Cee apoia a postura, defendida por alcaldes e outros cargos institucionais progresistas, reclamando que remate a actual política de subvencións da Xunta para os concellos, que fomenta o clientelismo institucional e o reparto pouco equitativo dos fondos".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do grupo ANC.