Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As Razóns da ANC para voar

As Razóns da ANC para voar
Rolda de prensa na que os membros da ACN anunciaron a súa renuncia a seguir formando parte do goberno de Cee

Onte coñecíamos a decisión dos edís de ANC de deixar o goberno de Cee. Unha decisión que deixa ao PP en minoría no goberno ceense.

Onte xa tivo lugar o primeiro pleno co novo panorama, e no mesmo se procedeu á quitarlle ao propio ex Teniente Alcalde a súa dedicación exclusiva. O mesmo Daniel Oca explica as razóns do seu grupo para voar. Un Oca que en rolda de presa falaba así do futuro dos edís: “Nós somos nacionalistas e da esquerda progresista. Somos partidarios dunha unidade de acción do nacionalismo galego, que non implica unha unidade organizativa. Así que pode que no futuro fagamos acordos con algún grupo”, en posible alusión a CxG.

Razóns para voar

Os concelleiros da Asemblea Nacionalista de Cee decidimos abandonar o grupo de goberno de Cee debido á imposibilidade de levar a cabo o acordo de goberno que asinamos no seu día, polo incumprimento sistemático dos seus termos por parte do PP.

O noso grupo ten un plan de futuro que é incompatible co Partido Popular, porque como ben sabemos todos e todas, as políticas do PP están dinamitando o futuro da maioría social do país. E iso non é o que nós queremos para as nosas fillas e fillos.

Non nos arrepentimos da decisión que tomamos, por maioría da asemblea local, no seu día. Consideramos que a moción de censura foi necesaria para que Cee deixara de ter un goberno corrupto e rematar coa situación de asfixia económica do concello. Daquela tomamos a mellor decisión para o futuro de Cee. E hoxe deixamos o goberno porque cremos que tamén é o mellor servizo que lle podemos facer ao noso pobo. Comezar a traballar nunha alternativa de progreso que desaloxe ao PP de todas as institucións e devolva á cidadanía todos os dereitos que tantos anos levou conseguir.

Hai quen di que isto xa o sabiamos cando asinamos a moción e é certo. Tamén é verdade que se agravou, porque co PP, canto máis vai peor é. Pero o noso desacordo non é só a nivel ideolóxico, que se dá por descontado porque estamos nas antípodas do Partido Popular, tamén na actuación a nivel local.

A razón principal do noso paso á oposición ven dado pola imposibilidade, pese á nosa insistencia, de exercer libremente a acción de goberno nas áreas que temos delegadas. Un dos puntos principais do acordo de goberno co PP facía referencia a que “a acción de goberno basearase na lealdade e a confianza mútua, procurando non afondar nas cuestións nas que poida haber diferenzas ideolóxicas impotantes”. A falta total de lealdade e utilización partidista do goberno por parte do PP imposibilitan a día de hoxe a nosa continuidade no goberno municipal.

O noso grupo esforzouse por cumprir en todo momento os termos do acordo de goberno que no seu día asinamos co PP. A proba máis evidente é que nós non mobilizamos un só euro das áreas xestionadas polos compañeiros de goberno. Limitámonos a xestionar as nosas parcelas para amosar que é posible gobernar doutra maneira, tendo como finalidade o interese xeral da veciñanza e non os intereses individuais de cadaquén.

Pero a confusión perpetua do PP entre o partido e as institucións que goberna fai imposible desenvolver unha acción de goberno diferenciada que o cidadán poida apreciar e valorar cando sexa o momento. Tal e como lle manifestamos á alcaldesa en varias ocasións, nós non pactamos gobernar para o PP, pactamos gobernar co PP, que son duas cousas moi diferentes. A nosa ideoloxía e a nosa forma de entender a política está nas antípodas do Partido Popular. Si apoiamos o cambio de goberno no seu día foi pola imperiosa necesidade de rematar cun goberno corrupto e despilfarrador, e para sanear democrática e económicamente o concello.
A invasión das áreas de traballo que nos corresponden en virtude do acordo asinado no seu día prodúcese de duas formas:

  • Utilizando os distintos ámbitos de poder (Deputación e Xunta principalmente) que ocupa o Partido Popular. Téntase transladar a sensación de que as inversións que se realizan no noso concello son grazas aos diferentes representantes do Partido Popular nas institucións, cando realmente lle corresponden ao noso Concello en virtude da súa poboación, que paga impostos para que se invirtan en actuacións que melloren a súa calidade de vida. E en virtude desa falacia, ocúpanse áreas de xestión que corresponden ao noso grupo. Exemplos: DTC 93, obra do canal, beirarrúas de Pereiriña, “Programa Respira”, “Universidade Senior”, organización da volta a España, xestión do parque empresarial, política de promoción económica, obradoiro de emprego,…
    As xestións que o noso grupo levou a cabo ante os distintos departamentos e organismos públicos son obviadas, para transmitir a idea de que todas as iniciativas e xestións positivas para Cee son froito do traballo do Partido Popular. Sen embargo, a gran maioría de demandas diante das administracións levounas a cabo o noso grupo. Algúns exemplos:
    - Reunión coa Xefa da Zona Centro en Portos de Galicia, Lorena Solana Barjacoba, para consultar a posibilidade de que cruceiros de pequeño tamaño puideran atracar en Cee. Outono 2012. Quedamos á espera de que nos enviase un listado de consignatarios e navieras que puidesen estar interesados. Ata hoxe.
    - Reunións co Director de Augas de Galicia e o seu equipo para determinar e levar a cabo medidas estruturais que corrixan os graves problemas de saneamento.
    - Solicitude de subvencións á Dirección Xeral de Comercio para a rehabilitación do mercado municipal.
    - Solicitude de subvención a AGADER para a instalación do parque biosaudable.
    - Envío de informes fotográficos para reclamar a reparación da estrada C-550 ao seu paso por Cee e na travesía de Ameixenda.
    - Envío de informes fotográficos para reclamar a reparación do Camiño Xacobeo, sobre todo na baixada de San Pedro Martir a Brens.
    - Reunión co xerente da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza, para buscar un sistema alternativo de xestión de residuos.
    - Reunión co Delegado de Educación para tratar temas relacionados coa titularidade do antigo instituto e coas demandas plantexadas polo centro público de primaria do concello.
  • Valéndose do enorme poder e arraigo que para a poboación e os medios de comunicación ten ocupar a cadeira da alcaldía. En lugar de transladarnos as cuestións que corresponden ás nosas áreas o PP adícase a xestionar directamente todas as demandas cidadáns, correspondan ou non ás súas parcelas de goberno.
    Os exemplos máis ilustrativos da deslealdade, mesquindade e utilización partidista do poder, déronse na xestión da área de obras e servizos. Ex: Codesos, POS de Estorde, tema do alumeado público,…
    En materia de recursos humanos municipais, aproveitan que a xefatura de persoal recae na alcaldesa para entrometerse nas áreas que corresponden ao noso grupo.
  • O marco xeral da política local está a ser unilateralmente arrasado polas políticas do PP, en contra do resto das formacións políticas, tanto a nivel de Estado como a nivel galego. A lei de estabilidade orzamentaria foi o primeiro paso na intervención de facto que sofren os concellos, con medidas que aniquilan a autonomía municipal e obrigan á privatización de servizos públicos. E agora veñen de aprobar unha reforma local que acaba practicamente cos concellos a cambio de reforzar e empoderar ás clientelistas e obsoletas Deputacións Provinciais. Impoñen por lei un sistema económico inimigo das persoas e do estado de benestar co que non estamos dacordo.

No ano e medio que levamos no goberno de Cee, sacamos moitos proxectos adiante, tivemos en conta a voz dos cidadáns para poñelos en marcha e démolles a posibilidade de facer visible o seu traballo ante o resto do pobo.

O que nos levamos deste tempo no goberno é, sobre todo, o orgullo de que a cidadanía tivo as canles de participación na vida municipal abertas, que a actuación foi totalmente honesta, transparente e clara, que era un dos piares básicos da nosa folla de ruta. Poñémonos man á obra para deseñar un plan estratéxico para o Cee do futuro.

  • Daniel Oca, voceiro do grupo da Asemblea Nacionalista de Cee.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios