Cee acolle esta tarde unha xornada sobre economía azul no territorio Costa Sostible
Esta tarde de martes 30 de setembro, a Casa da Cultura de Cee será escenario dunha xornada de traballo en rede sobre economía azul, organizada no marco do proxecto Temporada de Mar. O encontro desenvolverase entre as 17:00 e as 20:30 horas na Biblioteca municipal.
A iniciativa reunirá a establecementos de restauración e ocio vinculados ao proxecto, así como a representantes das Confrarías de Pescadores e técnicos municipais de turismo, co obxectivo de avanzar nun modelo sostible de xestión turística para o territorio de Costa Sostible.
Entre os asuntos que se poñerán enriba da mesa destacan a comercialización de produtos turísticos relacionados co mar, con especial atención á creación de paquetes integrados de restauración, actividades e aloxamento; o transporte como elemento clave na xestión turística; e a relación entre o sector turístico e o sector pesqueiro, con propostas como a programación de feiras ou xornadas técnicas vinculadas á restauración.
Ademais, contará coa presenza de dous convidados que achegarán unha perspectiva externa:
- Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, que explicará as iniciativas de promoción turística desenvolvidas nun territorio que experimentou unha notable evolución nos últimos anos.
- Damián Santamaría, guía da empresa Wee Galicia, quen compartirá a súa experiencia diaria en Fisterra, destacando as facilidades e dificultades de exercer o seu labor e a percepción que teñen os visitantes da zona.
A parte final da xornada estará marcada por unha dinámica participativa guiada por Rocío Ovalle, técnica de APTCM, na que traballarán conxuntamente todos os asistentes. O encontro pecharase cun diálogo informal arredor dunha mesa, acompañado de aperitivos elaborados con produtos locais do mar, símbolo do carácter sostible e de proximidade que promove o proxecto.