xoves. 02.10.2025
El tiempo

Cee acolle esta tarde unha xornada sobre economía azul no territorio Costa Sostible

Xornada de Economia azul en Cee Temporada de Mar
Cee acolle esta tarde unha xornada sobre economía azul no territorio Costa Sostible

Esta tarde de martes 30 de setembro, a Casa da Cultura de Cee será escenario dunha xornada de traballo en rede sobre economía azul, organizada no marco do proxecto Temporada de Mar. O encontro desenvolverase entre as 17:00 e as 20:30 horas na Biblioteca municipal.

A iniciativa reunirá a establecementos de restauración e ocio vinculados ao proxecto, así como a representantes das Confrarías de Pescadores e técnicos municipais de turismo, co obxectivo de avanzar nun modelo sostible de xestión turística para o territorio de Costa Sostible.

Entre os asuntos que se poñerán enriba da mesa destacan a comercialización de produtos turísticos relacionados co mar, con especial atención á creación de paquetes integrados de restauración, actividades e aloxamento; o transporte como elemento clave na xestión turística; e a relación entre o sector turístico e o sector pesqueiro, con propostas como a programación de feiras ou xornadas técnicas vinculadas á restauración.

Ademais, contará coa presenza de dous convidados que achegarán unha perspectiva externa:

  • Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, que explicará as iniciativas de promoción turística desenvolvidas nun territorio que experimentou unha notable evolución nos últimos anos.
  • Damián Santamaría, guía da empresa Wee Galicia, quen compartirá a súa experiencia diaria en Fisterra, destacando as facilidades e dificultades de exercer o seu labor e a percepción que teñen os visitantes da zona.

A parte final da xornada estará marcada por unha dinámica participativa guiada por Rocío Ovalle, técnica de APTCM, na que traballarán conxuntamente todos os asistentes. O encontro pecharase cun diálogo informal arredor dunha mesa, acompañado de aperitivos elaborados con produtos locais do mar, símbolo do carácter sostible e de proximidade que promove o proxecto.

Comentarios