Cee prepárase para un Agosto Cultural completo

  • Do 19 ao 24 de agosto terá lugar a VIII Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna!

Chega o mes de agosto, o prato forte do verán de Cee. A vila conta os días para as Festas da Xunqueira, pero ao longo do mes, o programa Agosto Cultural artellado polo propio pregoeiro Víctor Castiñeira, traenos unha oferta moi variada, con cine, música, teatro, espectáculos de rúa e exposicións.

Arrinca o programa coa proxección da curtametraxe “A maleta de Eva” que se poderá visionar o 3 de agosto xunto cos traballos realizados por nenos de Cee no obradoiro de cine O gato de Don Corleone.
Seguiranlle as catro xornadas adicadas a música da man da Asociación de Amigos da Banda de Música de Cee no que pode ser a despedida da actual xunta directiva.
O Memorial de Bandas Manuel Rebollar, unha noite de zarzuela co Liceo e Orquestra Arousana de Vilagarcía, a música da Banda de Gaitas de Forcarei e a actuación dos Amigos do Acordeón das Rías Baixas prometen emocións fortes para os amantes da boa música.

Cee será ademais unha das localidades escollidas para a realización dunha das galas do Mundial de Ilusionismo de Galicia, que traerá á Praza da Constitución á arxentina Lore Lavand o xoves 11 de agosto.

Á EsCeena

Do 19 ao 24 de agosto terá lugar a VIII Semana do Teatro e as Artes Escénicas do Concello de Cee, Á EsCEEna!, que durante seis días traerá destacados espectáculos ó Auditorio da Casa de Cultura. Victor Castiñeira, técnico de cultura, avanzou algún dos máis sinalados como “O porco de pé”, a partir da obra de Vicente Risco. Teatro clásico de Lope de Vega e ata un cabaret familiar na praza da Constitución para abrir a edición deste ano son outras das propostas para as que haberá entradas invididuais a 5 e 7 euros e bonos para toda a Semana a 20 e 15 euros.

Circo

Os 25 ao 29 agosto, o auditorio será a rúa, con actuacións de circo e maxia para toda a familia.

Exposicións

Finalmente, catro exposicións protagonizadas por ceenses, de diferentes estilos pictóricos e técnicas poñerán a nota de color na Casa da Cultura.

Novas relacionadas