Cee volveu facer unha parada por Palestina

Este mércores 15 de outubro, e coincidindo cos paros laborais e a folga xeral convocada por varios sindicatos para denunciar o xenocidio en Palestina, levouse a cabo na Praza 8 de Marzo de Cee unha concentración de apoio ao pobo palestino. Unha concentración, paralela a outras multitudinarias como a acontecida na Coruña, convocada pola Coordenadora Galega de Solidariedade coa Palestina, e co apoio do BNG Costa da Morte.

No acto deuse lectura a un manifesto, no que se denunciaba o "asasinato da chamada “paz” no Cairo, coa presenza da autoproclamada comunidade internacional". Membros da CIG denunciaron que "o encontro do Cairo non é outra cousa que unha representación teatral a maior gloria do imperialismo, e que nada ten a ver cos acordos de tregua asinados coa Resistencia palestina. Sabemos que o imperialismo e o sionismo non renuncian ao xenocidio por vontade propia, e que o cambio de postura dos gobernos occidentais, que apoiaron sen reservas a matanza de decenas de millares de civís en Gaza e que xa nos últimos meses comezaban a sentirse incómodos nesa postura, non se produciu ao constataren a inxustiza da ocupación e a brutalidade da destrución de Gaza". 

Con todo, o paso realizado, sinalaron, debeuse á "digna resistencia do pobo palestino" e á "mobilización popular por todo o planeta, tamén no noso país, que conseguiu trasladar a presión social aos gobernos que apoian o rexime sionista e corroer e deslexitimar a imaxe pública do estado de Israel".  

Desde a solidariedade galega coa Palestina, piden:

  •  1. Denunciar a permanente agresión ao pobo palestino e aos pobos da rexión a través do estado de Israel, e exixir o fin da ocupación da Palestina.
  • 2. Exixir a persecución dos responsábeis políticos do xenocidio. 
  • 3. Exixir o fin da complicidade dos gobernos occidentais e da UE e ruptura de todas as relacións diplomáticas e económicas con Israel. 
  • 4. Exixir da Xunta de Galiza que deixe de normalizar o estado de Israel a través de acordos comerciais e patrocinio institucional que nos envergoñan como pobo.
  • 5. Chamar o noso pobo a manter a mobilización social e a presión popular en apoio á Palestina.