A CIG denuncia unha agresión contra o presidente do Comité de XEAL

Alfonso Mouzo presidente do Comite de XEAL, nunha concentración
O Comité convoca unha nova concentración na fábrica para este mércores

O conflito laboral en XEAL ponse cada vez máis complicado. Esta pasada fin de semana chegaba ás mans, como condena o Comité de Empresa, que denuncia unha agresión sufrida polo seu presidente. Segundo sinalan dende a CIG, Alfonso Mouzo foi agredido durante a noite do pasado sábado nunha rúa de Cee, “por varias persoas que teñen relación coa empresa (de carácter contractual, por parentesco familiar e incluso algunha delas con responsabilidades directivas)”. Tivo, de feito, que acodiro a urxencias por varias lesións.

Para o comité este “suceso intolerábel, ao máis puro estilo mafioso, é resultado do clima de crispación que a empresa está xerando entre o cadro de persoal no marco do actual conflito por un convenio colectivo que a empresa vén de dar por caducado”.

Dende o Comité sinalan que “ademais de apoiar as accións que leve adiante o compañeiro (que hoxe presentou denuncia na Garda Civil polos feitos), tamén lle esixiremos á empresa que se posicione de maneira inequívoca e abra a correspondente investigación interna para depurar responsabilidades”.

Concentración na fábrica este mércores

Asñi mesmo, o comité ten convocada unha nova concentración para este mércores, día 22 de decembro, ás 17:15 horas, na fábrica de Brens (Cee), "polo mantemento do convenio colectivo de empresa e na defensa dos dereitos conquistados polo persoal, así como para rexeitar calquera tipo de agresión as nosas compañeiras e compañeiros”.

Novas relacionadas