"Espero que nuns meses poidamos gozar da Casa da Cultura de Cee"

Van máis de 14 anos dende que a Casa da Cultura de Cee tiña que estar rematada. Por iso, e porque xa temos anunciado en innumerables ocasións que a súa apertura está moi preto, non queremos lanzar as campás ao voo. En todo caso, parece que pode ser desta.

A Deputación vén de asinar un convenio coa alcaldesa ceense Zaira Rodríguez polo cal a entidade provincial aportará 74.000€ para o acondicionamento escénico necesario para o auditorio, así como a instalación dun sistema contradincendios. Unha axuda que chega despois da adquisición de 348 das 500 butacas que terá o auditorio.

As instalacións poderán abrirse ao público tras finalizar estas últimas obras, pero non deron datas. “Espero que nuns meses poidamos gozar das súas instalacións”, dixo o presidente da Deputación Diego Calvo.

O acordo inclúe a posta en funcionamento da climatización interior do auditorio, a iluminación, carpintería e pintura da sala de exposicións e outras actuacións no escenario como son a electricidade, maquinaria escénica, o sistema de son ou a instalación do pano, ademais da adecuación do camerinos.

Nova a nova

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).