As familias de Cee tomaron nota sobre o uso responsable das pantallas

Interesante e necesaria charla a vivida esta pasada fin de semana na EEI A Pereiriña. Foi a primeira das charlas que Fina Paulos Lareo e Óscar Rey Calo impartirán dentro do ciclo organizado polo CFR Coruña, dende a súa extension do centro asociado de Vimianzo, centrado no uso responsable, crítico e humano da tecnoloxía dende as primeiras etapas educativas. A iniciativa é posible grazas á implicación das mestras Ana, Pili e María, das escoliñas EEI A Pereiriña e CEIP
de Brens.

O encontro desenvolveuse nun ambiente de diálogo e moita participacón, con preguntas sinceras e reflexión compartida arredor do acompañamento das crianzas no entorno dixital. Entre os temas abordados destacaron os hábitos tecnolóxicos
saudables, a seguridade en liña, o desenvolvemento do pensamento crítico e o papel das familias na creación dun clima tecnolóxico equilibrado e seguro. Os relatorios puxeron de manifesto que a tecnoloxía pode ser unha aliada valiosa sempre que se empregue ao servizo do benestar, da aprendizaxe e da convivencia.

Fina e Óscar agradeceron especialmente o compromiso das mestras Ana, Pili e María, pola súa sensibilidade e implicación na creación de espazos de formación para as familias, así coma a Pedro, do centro asociado de Vimianzo, polo seu apoio na
organización da actividade. Estas formacións, sinalaron, contribúen a fortalecer a relación entre escola e familia e a promover unha educación dixital ética e segura, centrada no benestar do alumnado.

O labor destas mestras foi destacado como fundamental, lembrando que educar non só implica traballar co alumnado, senón tamén coas familias, que constrúen o verdadeiro aprendizaxe no día a día das casas. Iniciativas coma esta evidencian que a tecnoloxía pode convivir perfectamente coa educación tradicional, onde o contacto humano, a proximidade e a colaboración das familias continúan a ser elementos indispensables.

Nova cita en Brens

O vindeiro venres 5 de xuño, Fina e Óscar continuarán con esta liña de formación no CEIP de Brens, reforzando o compromiso de Ana, María e Pili coa educación dixital ética, segura e centrada no benestar das crianzas, a través dunha formación integral coas familias.