A Fundación Fernando Blanco arrincou a finde coa entrega dos Premios Académicos e culmina coas visitas de Cándido Pazó e Antía Muíño

Fermosa e emotiva mañá de venres a desenvolvida nun ateigado salón de actos do IES Fernando Blanco, con motivo da entrega da XIV Edición dos Premios Académicos Fernando Blanco correspondentes ao pasado Curso 2024-2025, os cales estiveron organizados conxuntamente pola Fundación Fernando Blanco de Lema e polo IES Fernando Blanco de Cee, e que contan coa colaboración varias entidades e firmas comerciais (Abanca, Semáforo de Fisterra, Centro Comercial Finisterrae, Roberto G. Rigaut S.L. - Mapfre Seguros, Xeal, Fersi Papelería, Ler Librerías, Aurora Sport Dequip, Cabo Sport, Parques e Xardíns Manuel García e Inforneria).

O acto contou coa presenza de Isabel García Vila, Inspectora de Educación, de concelleiros das distintas formacións políticas, de
representantes dos establecementos colaboradores, integrantes do Padroado da Fundación, equipo directivo e profesorado do IES Fernando Blanco, familias e alumnado de distintos cursos.

Os discursos da cerimonia correron a cargo de Darío Areas Domínguez (Secretario da Fundación), do alumnado premiado, de Sofía Crespo, Directora do Instituto, de Belén Fernández. Concelleira de Promoción Económica, Formación de Emprego, Novas Tecnoloxías e Rede Sociais do Concello de Cee e da propia Inspectora de Educación, que foi a encargada de pechalo acto.

En todos eles estivo moi presente a figura de D. Fernando Blanco de Lema, todos quixeron louvar a súa figura e o seu altruísmo, froito do cal, Cee conta cun dos centros educativos de referencia de Galicia dende finais do século XIX, e motor do desenvolvemento educativo, cultural e social da vila e da contorna.ç

A música da cerimonia estivo a cargo do dúo de clarinete e frauta formado por Martín Castiñeira e Marta Senlle, que interpretaron
“Libertango” do compositor arxentino Astor Piazzola, así como do alumnado de 2º da ESO acompañado do seu profesor Lucas Martínez, que presentaron “On melanchology hill” da película Gorillaz.

Os Premios

Os Premios Fernando Blanco están destinadas a agasallar aos mellores expedientes académicos de distintos cursos impartidos no instituto ceense, algo que xa aparecía recollido no primeiro regulamento do centro de 1886 e que dende a Fundación e o Instituto recuperaron no Curso 2011-2012.
As notas dos premiados/as desta edición oscilaron entre o 8,84 e o 10. Cada un dos Premios está valorado en 500 € (280 € en metálico e 220 € en vales de compra doados polos establecementos colaboradores).

Os premiados nesta octava edición dos Premios Fernando Blanco foron:

- AITANA CASTREJE TRABA (1º CICLO MEDIO – XESTIÓN ADMINISTRATIVA)
- SARA MÍGUEZ BALBUENA (1º CICLO SUPERIOR - ADMINISTRACIÓN E FINANZAS)
- AROA MIRANDA FERRÍO (3º ESO)
- PABLO TABOADA PRIETO (1º BACHARELATO)
- MANUEL HORAZIO OZÓN ALAIMO (1º BACHARELATO)

Mes da Fundación

Esta fin de semana dase o peche ao programa do Mes da Fundación con dous eventos de altura, da man de Cándido Pazó e Antía Muíño.