"Levamos dende o ano 2021 sen poder acabar a nave no polígono pola inacción da alcaldesa de Cee"
A semana pasada anunciábase o investimento de SEA de case 1 millón de euros no polígono empresarial de Cee. Unha boa nova para a vila da Xunqueira e para o seu empresariado, tendo en conta a precariedade deste parque empresarial.
Así o denuncian dende Construccións Búa, que levan sufrindo esas malas infraestruruas públicas polo menos dende 2021, coa entrada continua de augas pluviais na súa nave, sen que o Concello lle axude a buscar solucións. Unha problemática que non só lles afecta a esta empresa, senón que tamén afecta a outras nas que se están construíndo novas naves.
“Esquecendo toda unha odisea para obter as preceptivas autorizacións sectoriais e urbanísticas, levamos dende o ano 2021 soportando a inundación dos nosos terreos por escorrentías procedentes da zona exterior ao parque”, explican dende Búa. “O camiño municipal perimetral ao polígono pola súa banda norte non dispón dunha cuneta de garda ou outra solución técnica axeitada para a correcta drenaxe das augas pluviais o que provoca a súa afluencia cara os terreos do parque situados a cota inferior”, explican.
Aseguran que levan dende que iniciaron as obras en 2021 reclamando no Concello e en SEA, en reunións e a través de escritos que formulan ademais a posible xudicialización do asunto, unha vez que a situación lles impide concluír as obras e perder así unha importante subvención concedida (sobre 64.000€), retrasando ademais posta en funcionamento da súa actividade.
Dende a empresa critican directamente á rexedora: “A Sra. Lamela comprometeuse con nós nunha das citadas reunións en que se volvía a sair elexida nas eleccións municipais do 28/05/2023 que estivéramos tranquilos que ela mesma se ía encargar de buscar unha solución como fose. Pois tardou 15 días despois da súa maioria absoluta en poñerse de perfil ou mellor dito virarse de cú e dicirnos que o concello non se ía a facer cargo de nada e que lle reclamáramos a SEA en exclusiva”.
E van a máis, sinalando que o convenio do Instituto Galego de Vivenda recolle que o “o concello se comprometerá: 1. Á execución das obras ou servicios de infraestruturas exteriores ó Parque que fosen necesarias para este, dita financiación e custo serán da súa exclusiva conta”, polo que considera ao Concello directamente responsable da situación.
Unha situación que mesmo ten obrigado á empresa a mercar outra parcela colindante, para poder desviar as escorrentías e así poder rematar as súas obras. Pero aquí tamén houbo atrancos, e a pesar da urxencia das obras, o Concello tardou 6 meses en autorizar o proxecto de movemento de terras.
”En resumidas contas, non lles dá vergonza? Hai que ter moita coraxe para estar continuamente autopromocionándose na prensa sobre o ben que o están a facer para fomentar o crecemento do parque empresarial cando a realidade que nos atopamos as empresas que nos dacantamos por esta opción é outra ben distinta, especialmente as pequenas empresas como a nosa nas que a inversión se nos fai aínda máis costa arriba”, critican dende a empresa cantos de manter o silencio por non recibir represalias.
”Deixe a un lado a súa xenreira, deixe de botar balóns fóra, deixe a súa actitude autócrata neste asunto e adíquese a buscar de forma inmediata unha solución”, piden.
As primeiras reaccións
Unha vez publicado este domingo esta denuncia nas redes sociais, SEA fíxolle chegar un informe aos servizos xurídicos da empresa no que di, "entre outras moitas cousas, que eles non teñen nada de responsabilidade no asunto e en todo caso correspondería ao concello abordar as obras posto que as augas aínda que nacen en terreos rústicos, chegan a solo urbano consolidado e polo tanto é o concello o que ten que tomar a solución", explican dende a empresa.
Pola contra, o Concello non realizou contacto algún trala publicación, pero no informe municipal que xa lle trasldaran o Concello bótalle a culpa a SEA porque consideran os técnicos municipais que os promotores do parque empresarial non están a cumplir co plan de seguimento anual que debería ter detectado o problema no seu inicio. "É dicir, levan dende o 2021 ata a actualidade sen ser capaces de atallar un problema cun simple acordo entre as dúas partes por unha obra que non chega a 40.000€", lamentan dende a empresa, tendo en conta ademais que se tratan de dúas administracións públicas, e gobernadas ademais polo mesmo partido...
Para a empresa, está clara quen ten a máxima responsabilidade: "A principal causante é a Sra. Alcaldesa de Cee pois dende SEA se nos trasladou en varias ocasións que eles estaban dispostos a asumir unha parte económica pero que se paralizou a negociación porque a mesma rexedora dixo que "non ía botar un duro para esa obra", obra que, non nos esquezamos, solucionaría o problema a unhas 4 parcelas cando menos", lamentan.
Curiosamente, o Concello enviou onte a desbrozar algunha das parcelas colindantes ao problema, que parecían selvas...