Unha marea de premios literarios e poéticos para Adriana González Leira
Segue medrando o talento na Costa da Morte, e parece que a canteira das letras chega pisando forte. Hoxe destacamos a Adriana González Leira, santiaguesa de adopción, pero ceense e costeira de cabeza e corazón. A filla da tamén premiada escritora Rocío Leira, vén de gañar varios premios literarios nas últimas semanas. Aos seus 13 anos e estuda 2ºESO no IES Rosalía de Castro, formación que combina co grado profesional de piano que cursa no Conservatorio de Santiago. Pero unha das cousas que máis lle gusta, é escribir. E ben, ademais!
Esta mesma semana recibía a nova de que foi dobremente premiada no XXIII Certame Literario Concello de Ames, acadando o primeiro premio de poesía e o segundo de narración, galardóns que recollerá este sábado na Casa de Cultura do Milladoiro.
Estes recoñecementos véñense a sumar a outros acadados nas últimas semanas. A pasada fin de semana recollía en Ourense o primeiro premio de relato curto do XXXIX Certame Literario de Piñor organizado pola Asociación Cultural Música e Cultura de Galicia e o primeiro premio de poesía do Certame Alberto García Ferreiro.
No mes de maio recibiu o segundo premio do Certame de poesía Concello de Mos, dedicado á poeta local, María Magdalena, o primeiro premio de relato curto do Concello da Caniza, e o primeiro premio do Certame Francisco Añón de poesía que convoca o concello de Outes. Así mesmo, en semanas previas, gañou o primeiro premio de poesía do Certame Literario Rita Suárez Amado e o premio de narración breve Mestre Manuel Gacio.