Nova furgoneta para o transporte das persoas usuarias de ASPADEX

O presidente da Deputación Valentín González Formoso visita Cee esta mañá, para anunciar as obras de remodelación do campo de San Paio de Refoxos, e para coñecer de preto o traballo da Asociación ASPADEX, unha entidade sen ánimo de lucro dedicada a mellorar a calidade de vida e favorecer a inserción social e laboral das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias, coa que a Deputación colabora a través das liñas de axudas de Servizos Sociais.

Formoso, acompañado polas deputadas Mar García e Mónica Rodríguez, foi recibido polo presidente da entidade, Evaristo Ramón Lema, e pola directora do centro, Concha Seoane, no Centro Ocupacional de Vilar de Toba, onde se interesou polas actividades que desenvolven co apoio provincial e fixo entrega dunha nova furgoneta destinada ao transporte diario das persoas usuarias.

O vehículo permitirá reforzar o servizo de transporte que ASPADEX presta a persoas con discapacidade intelectual adultas da comarca, residentes en concellos como Cee, Corcubión, Fisterra, Dumbría, Muxía, Camariñas, Vimianzo, Carnota, Mazaricos ou Muros, facilitando o seu desprazamento ao centro ocupacional.

A asociación desenvolve programas de habilidades e hábitos laborais, autonomía persoal, benestar emocional, ocio e inclusión, así como apoio ás familias, mediante obradoiros de enmarcación, encadernación, costura, marroquinería ou horticultura ecolóxica.