Os alumnos do Manuela Rial vén os valores do Cooperativismo nun certame da Xunta

Non para o centro educativo Manuela Rial Mouzo SLU Concertada. Xa o temos visto como potencia en materia deportiva, e as últimas novas nolas envía a propia Xunta, para contarnos que o centro ceense resultou gañador dun accésit na modalidade de debuxo, pintura, fotografía e vídeo do Certame Cooperativismo no Ensino, promovido pola Consellería de Traballo e Benestar e polo Consello Galego de Cooperativas.
O traballo merecedor deste recoñecemento é “Nós vemos valores, e ti?”, na categoría de 2º ciclo de Educación Infantil. O galardón entregarase nun acto multitudinario o sábado 7 de xullo en Santiago de Compostela.

Ano Internacional das Cooperativas

O evento forma parte dun amplo programa conmemorativo do Ano Internacional das Cooperativas, que se completa coa celebración dun encontro internacional e dunha mostra cooperativa de produtos e servizos entre os días 5 e 7 de xullo. Baixo o lema “As empresas cooperativas axudan a construír un mundo mellor” porase en valor esta fórmula empresarial como xeradora de emprego, riqueza e xustiza social en tempos de crise. Cooperativistas chegados de diferentes lugares de Galicia, España, Europa e Iberoamérica compartirán experiencias nestas xornadas técnicas e de formación.

O obxectivo do Certame é fomentar valores e actitudes cooperativas no seo do alumnado, promovendo a realización de actividades relacionadas co cooperativismo e impulsando esta fórmula de traballo como saída laboral nos centros de F.P. Ao Certame concorren centros escolares e de ensino profesional de toda a Comunidade Autónoma. O Consello Galego de Cooperativas outorga un total de 13 premios, distribuídos en sete categorías.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta de Galicia.