Paula Carballeira describriu a realidade do franquismo ao alumnado de Cee e Fisterra

Tivo lugar esta mañá en Cee, unha representacións teatrais organizadas pola Delegación do Goberno en Galicia e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade. Un programa para celebrar 50 anos de democracia e para trasladar, sobre todo á mocidade, a importancia das liberdades que gozamos neste século.

Cee acollía a segunda parada da xira do espectáculo teatral ‘As Alumnas’, producido por Culturactiva, que viaxa por cinco localidades galegas, que comezou onte, martes, en Antas de Ulla (Lugo), e que rematará o vindeiro día 9 en Redondela.

As representacións están principalmente dirixidas a comunidade educativa (secundaria) e colectivos sociais e veciñais destes concellos, pero tamén están abertas ao público xeral e son gratuítas. 
Todas elas integran a representación da obra seguida dun monólogo da autora, Paula Carballeira, que interactúa co público arredor desta  historia.

 

No caso de Cee, asistiu alumnado dos IES Fernando Blanco e Agra de Raíces, de Cee, aos que se uniu o alumnado do IES Fin do Camiño de 
Fisterra. Ademais, tamén asistiron persoas pertencentes a asociacións  sociais e asistenciais como ‘Paseniño’, AGA, AFAFES, ‘Reiseñores’, Aspadex e Servizo de Atención Temperá da Costa da Morte.

 

Paula Carballeira acadou o Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 con este texto. A obra trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. As dúas personaxes femininas  representan dous casos concretos de mulleres no marco histórico anterior e posterior á Guerra Civil que percorren diferentes camiños e 
que nos levan a tocar as transformacións sociais do momento. O espectáculo está dirixido por Fina Calleja, e con Anabell Gago e Mónica Camaño no elenco.