Piden a limpeza da canle do río Castro

Así está a ponte de Vaosilveiro

Os grupos do BNG de Muxía, Cee e Dumbría únense para denunciar que a canle do río Castro sofre o abandono por parte da Xunta. Os nacionalistas reclaman actuacións urxentes e sinalan que a Xunta anunciou este ano que actuarían en 300 quilómetros de canles fluviais, “mais non nos consta que a demarcación hidrográfica Galicia Costa nin Augas de Galicia teñan previsto actuar no Castro. Despois de anos de abandono nos que só se rexistrou unha única actuación puntual na ponte de Vaosilveiro, cremos que o Castro non pode esperar máis”

O río atópase, "unha vez máis", atrancado por restos das riadas dos invernos pasados, que obstrúen a canle e as ribeiras, e contaminan a auga.

Os nacionalistas puideron comprobar que nos tramos correspondentes a ditos municipios “a falta de actuacións é patente, que hai troncos de gran tamaño atrancando o curso do río, que as sendas nas ribeiras do río están estragadas, ou mesmo desaparecidas nalgúns tramos, e que hai profusión de especies invasoras que deberan de ser retiradas se se fixera un mínimo labor de mantemento do río”.

Ademais, indicaron que existen restos de vexetación como ramas e maleza obstruíndo o río, e mesmo unha árbore de gran tamaño taponando a ponte de Vaosilveiro. “Esta acumulación de restos vexetais forma tapóns naturais aumentando o risco de inundacións e de contaminación”, subliñaron. Esta situación “provoca un impacto ambiental grave ao alterar o
equilibrio dos ríos provocando eutrofización e liberación de nitróxeno e fósforo, é dicir, contaminación por orgánicos”.
“A limpeza de ríos debera de ser unha práctica habitual para protexer os ecosistemas e previr inundacións. A retirada de especies invasoras e de restos de árbores caídos corresponde, nos tramos interurbanos á Xunta de Galiza e ao seu organismo Augas de Galicia, que debera proceder periodicamente a eliminar árbores caídas, eliminar biomasa e realizar desbroces selectivos e eliminación de especies invasoras”, salientaron os voceiros do BNG.

Saneamento

Así mesmo, afirmaron que “para máis gravidade, moitas das aldeas que verten o seu saneamento ao río Castro non teñen neste momento depuradoras e outras téñenas inactivas, o que ocasiona que se estean a verter augas residuais sen depurar, que contaminan lugares de enorme valor paisaxístico e natural e mesmo praias fluviais como a das Caldeiras do Castro”.