Profesionais do sectur turístico comprobaron o éxito de propostas de economía azul

Dani Oca explicando o impacto da campaña Temporada de Mar

Continúa avanzando o proxecto Temporada de Mar que desenvolve a Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM). Despois do showcooking de Brais Pichel, a nova parada tivo lugar este martes 30 de setembro na Casa da Cultura de Cee cunha Xornada sobre Economía Azul.

Unha treintena de persoas representantes do mar, a restauración e o turismo coñeceron de primeira man as novas vías de cooperación arredor do proxecto.

Alexandra Seara 

A xornada completouse con voces convidadas que achegaron unha visión externa de interese. Alexandra Seara, xerente do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, compartiu a experiencia dun territorio periférico e rural que, grazas á cooperación e á posta en marcha de plans de
sostibilidade, conseguiu dar un salto cualitativo na súa promoción turística.

Pola súa parte, Damián Santamaría, guía da empresa Wee Galicia, expuxo as facilidades e dificultades de exercer o seu labor en Fisterra, ademais de trasladar a visión que os visitantes teñen do territorio.

As técnicas municipais de turismo dos concellos que forman parte de Temporada de Mar presentaron as principais iniciativas en marcha, así como os plans de futuro para fortalecer a oferta turística. Reivindicaron tamén a necesidade de manter a súa labor durante todo o ano para garantir unha planificación estable e sostida. Entre os temas abordados destacaron:

  • A comercialización de produtos turísticos vinculados ao mar, como sinal de identidade do territorio.
  • A mellora do transporte e da mobilidade sostible, integrados na xestión turística.
  • O impulso de feiras gastronómicas, actividades culturais e eventos deportivos que contribúan á desestacionalización e á atracción de visitantes ao longo de todo o ano.

Con esta xornada, a APTCM consolida un espazo de diálogo e traballo conxunto arredor da economía azul, sentando as bases para novas accións de cooperación que permitan reforzar a marca Costa da Morte como destino turístico diferenciado e sustentable.