Os recortes nos centros de ensino da comarca chegarán ao Parlamento
Non hai comezo de curso tranquilo na Costa da Morte, porque os continuos recortes da Xunta en materia educativa fan saltar as alarmas en ducias de centros de ensino.
Así acontece estas primeiras semanas de curso en Cee, onde as familias do IES Agra Raíces e do CEIP Vila de Cee xa teñen saído á rúa.
As familias non paran as mobilizacións, e desta volta se reuniron con representantes do BNG para levar o asunto ao Parlamento Galego.
O deputado Oscar Insua e o concelleiro ceense Serxio Domínguez mantiveron unha cos pais e nais do CEIP Vila de Cee e IES Agra de Raíces, e anuncian que presentarán iniciativas que recollen as peticións de máis persoal especializado para crianzas con necesidades especiais.
O grupo tamén levará a problemática dos centros de Muxía, que tamén necesitan incorporar máis docentes especialistas en atención a alumnado con necesidades especiais nos centros escolares da comarca. “Ou aumenta o profesorado ou acabará diminuíndo a atención
individualizada e teremos unha sobrecarga para os equipos docentes. Non entendemos como o PP pode escatimar recursos na educación”, subliñou.
As familias debullaron a situación que viven os centros das asúas crianzas: No caso do colexio “Vila de Cee”, o alumnado precisa de máis horas á semana de pedagoxía terapéutica (PT), ao igual que nos CEIP Virxe da Barca e CEIP Os Muíños no concello de Muxía, que perderon unha mestra de PT compartida, con respecto ao curso pasado, a pesar de que este ano aumentaron os alumnos con necesidades educativas.
Respecto ao instituto Agra de Raíces de Cee, o BNG salientou que no curso pasado, e nos tres cursos anteriores, o instituto contou con 2 PT’s, 1 coidadora e 1 AL (Audición e Linguaxe) compartida. E sinalou que este ano dito centro ceense comezou o curso cunha soa PT e 1 Auxiliar Técnico Educativo (coidador/a) para todo o instituto, cando as necesidades se triplicaron, ao aumentar o número de alumnado con NEE e NEAE. “A semana pasada enviaron outra PT, mais o centro precisa de catro mestras de pedagoxía terapéutica para que os programas e proxectos educativos implantados ata o momento sexan viables; os pais e nais deste centro demandan ademais a necesidade de ter alomenos outra coidadora máis”, advertiu o grupo nacionalista.