As familias do IES Agra de Raíces manteñen as mobilizacións ante a vulneración dos dereitos do alumnado

Comezo de curso axitado por Cee, un ano máis, por mor dos recortes no ensino público. O luns, xa no primeiro día de curso, as familias do IES Agra Raíces e da Asociación Paseniño xa se concentraban ás portas do centro. Hoxe facían o propio as familia do CEIP Vila de Cee, que denuncian tamén falta de mestres especialistas para crianzas con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) e Necesidades Educativas Especiais (NEE).
Hoxe tamén, 53 familias de 1º da ESO do IES Agra de Raíces, xunto coa Asociación Paseniño, remitiron á Consellería de Educación, á Xefatura Territorial da Coruña e á Inspección Educativa unha reclamación urxente pola situación límite coa que arrinca o curso: aulas no límite da ratio e alta porcentaxe de alumnado con necesidades sen os apoios imprescindibles.
As familias expresan o seu enfado e indignación e deixan claro que "non aceptarán máis recortes que leven á desatención do alumnado máis vulnerable (tanto NEE como NEAE) e afecten tamén ao resto da clase".
Sen recursos non hai inclusión
As familias apoian o modelo inclusivo do IES Agra de Raíces, que leva 4 anos funcionando con éxito e queren que se siga mantendo. Pero sen persoal isto non se sostén.
“Tras as primeiras mobilizacións recuperouse o PT retirado o curso pasado, pero con isto non nos enganan: quitan para logo volver poñer e facernos crer que solucionan algo. Este ano as necesidades triplicáronse e os recursos teñen que aumentarse de forma
proporcional, non aceptamos ningunha outra alternativa”.
As súas demandas mínimas están claras:
- 4 PTs
- Horas de AL
- 2 coidadores/as
- Reforzo en orientación
“Seguiremos loitando e chegaremos ós xulgados”
As familias anuncian que continuarán mobilizándose con concentracións xa a próxima semana e que están a traballar en rede coa Federación de ANPAs, con ANPAs da Costa da Morte e con familias doutros niveis educativos, ademais de manter contactos
institucionais e políticos que se suman á defensa do dereito á educación inclusiva.
Paralelamente, varias familias xa contactaron con avogados para denunciar unha situación insostible que se repite ano tras ano, vulnerando as leis de atención á diversidade e mesmo os dereitos básicos dos seus fillos e fillas.
“A situación é crítica. A miña filla empezou en 1º da E.S.O. este ano e precisa dunha PT en todo momento na aula e dunha coidadora nos traslados e recreos, e non hai persoal suficiente para iso. É unha vulneración total dos seus dereitos. As leis non se cumpren e
iremos aos xulgados se fai falta", explica unha nai.