O troquel co que se facían os botóns do uniformes do Fernando Blanco volve a Cee

Troquel recentemente recuperado pola Fundación Fernando Blanco

As voltas que dá o mundo, moitas veces gracias á rede. Atopaba non hai moito tempo Juan Manuel Trillo Caamaño na rede, unha peza á venda relacionada coa Fundación Fernando Blanco. Tratábase dun troquel (cuño) de finais do século XIX que serviría para acuñar moedas ou fichas, e no que se podía ollar unha alegoría do ensino rodeada da inscrición “COLEGIO BLANCO CEE”.

Unha peza que rematou nas mans dunha tenda de coleccionismo de obxectos militares e antiguedades de Guadalix de la Sierra (Madrid). Darío Areas, coordinador do Museo e Secretario da Fundación Fernando Blanco, púxose a revisar as fichas de catalogación dos fondos da Fundación Fernando Blanco para resolver o “enigma”.

O troquel nunca fora propiedade da Fundación, pero si que foi propiedade do taller ao que a Fundación encargaba elaborar os botóns dos uniformes do persoal subalterno (tipo xardiñeiros, carpinteiro, bedel, etc) do Instituto Fernando Blanco dende os seus inicios.


Traballadores do Fernando Blanco cos uniformes e ese botóns realizados polo famoso troquel-Foto-Ramón Caamaño (1937)

Resulta que estes botóns dos uniformes eran fabricados pola Casa Lucas Sáenz de Madrid, fundada por Lucas Sáenz Rodríguez en 1844 na rúa Esparteros nº 1. O fundador morreu en 1885, pero a empresa seguiu en funcionamento nas mans da súa viúva, fillos e descendentes ata o ano 1927, en que se fai cargo dela Vicente Rodríguez Méndez.

Agora, tras unha negociación, o troquel xa está no poder da Fundación.