Últimas prazas para o Club de Saúde de Cee
Aínda quedan prazas libres no Club de Saúde de Cee, que arranca este mércores, 2 de abril, no Centro de Saúde de Cee, da man da Asociación Española Contra o Cancro (AECC).
O programa foi difundido inicialmente a través de puntos clave, como os médicos de cabeceira, os servizos sociais e as farmacias de Cee, xa que o servizo está vencellado neste caso, ao Centro de Saúde de Cee, onde se realizarán as actividades.
Trátase dunha iniciativa deseñada para mellorar a saúde integral—emocional, física e social—dos pacientes oncolóxicos e das súas familias nas contornas rurais, ofrecendo ferramentas para fomentar un maior benestar. Este programa de intervención sociocomunitaria desenvolverase cada mércores no Centro de Saúde de Cee, en horario de 17:00 a 18:30 h, e estenderase ata o mes de novembro.
O Club de Saúde ofrece un espazo de encontro e apoio para, aprender, compartir experiencias e crecer xuntos. O programa inclúe actividades que fomentan o autocuidado, a inclusión social e o manexo das emocións nun ambiente acolledor e enriquecedor.
A quen vai dirixido?
O Club de Saúde está pensado para pacientes con cancro, superviventes e familiares que residan na zona. As actividades realizaranse no Centro de Saúde de Cee.
Actividades e beneficios:
- Saúde física: Obradoiros de nutrición, exercicio adaptado ás capacidades persoais e promoción de hábitos saudables.
- Saúde emocional: Estratexias para xestionar emocións, afrontar medos e problemas e mellorar o benestar persoal.
- Saúde social: Actividades culturais e sociais que fomentan a inclusión e o benestar comunitario.
Detalles dos obradoiros:
- Lugar: Centro de Saúde de Cee.
- Datas: Todos os mércores dende este 2 de abril de 2025.
- Horario: De 17:00 a 18:30.
Inscricións:
A inscrición é gratuíta. Os interesados poden contactar co seu médico de cabeceira, a traballadora social do Concello, os voluntarios da Xunta Local de Cee, ou chamar ao 900 100 036.