Un grupo de alumnos do IES Fernando Blanco na Final do Young Business Talents

Boas novas chegan que dan conta o gran talento que hai nos centros educativos da bisbarra. Os alumnos e alumnas dos ciclos formativos de Administración do IES Fernando Blanco da localidade de Cee, participarán durante os días 24 e 25 de marzo na final do xogo de simulación empresarial Young Business Talents que terá lugar en Madrid.

Na presente edición chegaron a cuartos de final 346 equipos de toda España entre os que se encontraron os 3 equipos cos que compite o IES Fernando Blanco. Para a semifinal clasificáronse 75 equipos, entre os que se encontra 1 do instituto Fernando Blanco, isto é un gran éxito se se ten en conta que tan só en Galicia empezaron máis de 200 equipos.

Unha empresa leiteira

A simulación consiste na xestión dunha empresa produtora de leite e iogur, as decisións que debe tomar o alumnado para realizar a devandita xestión abranguen desde a fixación de prezos, a contratación de persoal comercial ou a elección de soportes publicitarios ata a selección de diversas políticas de promoción de vendas como poden ser a fixación de descontos ou o establecemento de políticas de 3 x 2.

Cada equipo está composto por un grupo de alumnos e alumnas que teñen total liberdade para xestionar a empresa coa estratexia que decidan sen que exista unha solución correcta, senón diversos estilos de dirección que poden levar á vitoria.

Encantados de participar

As impresións do alumnado que realizou a simulación foron moi positivas e valoraron a experiencia como moi proveitosa. Por iso e polo compromiso do IES Fernando Blanco de adoptar instrumentos de formación acordes cos tempos actuais, os alumnos e alumnas do IES Fernando Blanco dos ciclos formativos de administración participarán en futuras edicións da simulación.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do equipo directivo do IES Fernando Blanco.