A ANPA ALÉN impulsa unha semana de vela e kayak para favorecer a conciliación familiar

A ANPA ALÉN pechou con éxito a actividade de vela lixeira e kayak de mar organizada na última semana de xuño. A iniciativa, dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos pertencentes ás familias asociadas á ANPA do CEIP Praia de Quenxe, de Corcubión, tivo como obxectivo facilitar a conciliación das familias tras o remate do curso escolar.

Durante cinco xornadas, os participantes achegáronse ao mundo da navegación da man da escola de vela Cataventos, descubrindo as nocións básicas da vela lixeira e do kayak de mar nun contorno privilexiado como é a ría de Corcubión. A programación completouse con contidos relacionados coa seguridade na auga, o respecto polo medio mariño e o traballo en equipo, combinando aprendizaxe, deporte e lecer.

A actividade rexistrou unha moi boa acollida entre as familias, consolidándose como unha proposta de conciliación que, ademais de facilitar a conciliación familiar tras o remate do curso escolar, fomenta hábitos de vida saudables, a práctica deportiva e o contacto da infancia co medio natural.