O Colectivo COAP Costa da Morte realiza un simbólico acto no Cárcere Vello de Corcubión para lembrar ás persoas prisioneiras palestinas

Acción diante do Cárcere Vello de Corcubión
Baixo o nome "Persoas prisioneiras palestinas baixo o xenocidio", Addameer — Asociación de Dereitos Humanos e Apoio ás Persoas Prisioneiras Palestinas lanzou unha campaña de accións no marco do Día das Persoas Prisioneiras Palestinas de 2025 (celebrado cada ano o 17 de maio). Hoxe a Costa da Morte secundou a chamada do Movemento Global a Gaza a nos solidarizar con estas persoas para expoñer os crimes atroces que a ocupación israelí cometeu e segue a cometer contra o pobo palestino detido e encarcerado.

Un grupo de veciñas activistas do Colectivo de Apoio a Palestina COAP Costa da Morte, concentrouse esta mañá de sábado no porto de Corcubión nunha simbólica imaxe diante do Cárcere Vello.

Lembraron que “dende o inicio do xenocidio contra o pobo palestino, as autoridades da ocupación israeitaí levaron a cabo unha campaña xeralizada e masiva de detención. Nun ano e medio, as forzas da ocupación detiveron a máis de 1.500 persoas palestinas, o que leva a que haxa máis de 9250 presos políticos, 3368 detencións administrativas e máis de 350 menores encarceradas de maneira arbitraria, sen cargos nin xuízo”.

Leron un longo comunicado

As autoridades penitenciarias israelitas atacaron as persoas prisioneiras palestinas dentro dos cárceres: redadas violentas, fortes palizas, torturas e malos tratos, cortes de luz e de auga, confiscación de todas as súas pertenzas, e sometimento a un illamento total, prohibindo as visitas de familiares e impedindo o acceso ao Comité Internacional da Cruz Vermella.
Tamén se implementou a política da fame contra milleiros de prisioneiros. Sumado á neglixencia médica sistemática, isto causou a morte dun total de 63 persoas palestinas dentro da cárcere. Faleceron detidas, incluíndo un neno de 17 anos. E esta cifra representa só ás persoas ás que se puido identificar, conscientes das decenas de persoas detidas na Franxa de Gaza que morreron baixo custodia, pero cuxos nomes e as circunstancias nas que morreron seguen aínda ocultas e clasificadas.

Hoxe, milleiros de persoas palestinas seguen detidas, sometidas a actos de xenocidio, sometidas a duras torturas físicas, psicolóxicas e sexuais nun contorno totalmente carente de xustiza ou de procesos de rendición de contas. Resulta inquedante que as autoridades israelitas non só permitisen estes abusos, senón que os normalizasen na esfera pública. Durante todo este tempo soldados israelitas difundiron vídeos nos que amosan a tortura e a humillación aos que someten aos prisioneiros. Houbo altos funcionarios da ocupación que incitaron abertamente estas prácticas a través de declaracións públicas. Todo iso á vista da comunidade internacional, sen ningunha consecuencia legal ou moral para os perpetradores de todos estes crímes.

A xustiza total para o pobo palestino non se logrará ata que se consiga a liberación de todas as persoas prisioneiras e detidas palestinas recluídas nos cárceres da ocupación. Non se logrará ata que se consiga pór fin á detención do pobo palestino por exercer o seu dereito á autodeterminación. Tampouco ata o desmantelamento do sistema xudicial militar israelí, que leva 58 anos procesando arbitrariamente ó pobo palestino.

Hoxe Palestina pide ás persoas libres de todo o mundo que se alcen, en solidariedade coas persoas prisioneiras e detidas palestinas para pór fin ao xenocidio. Que se alcen contra os crimes que se están perpetrando dentro dos cárceres. Hai que seguir presionando aos gobernos para que poñan fin a todas as relacións coa ocupación. É crucial o boicote económico, cultural. Os gobernos debe deter a exportación de armas a un réxime que as utiliza dun xeito atroz. Chegou o momento de actuar: basta de complicidade.

Máis novas