Conta atrás para o Mercado Medieval Costa da Morte de Corcubión
É, sen lugar a dúbidas, unha das citas do verán. O XIII Mercado Medieval Costa da Morte que se celebra en Corcubión para toda a bisbarra, xa se presentou en sociedade durante a tarde de onte, e serán os días 19, 20 e 21 de xullo de 2013 os que a vila sexa invadida polo espírito medieval.
Precisamente é o pobo corcubionés o que fai grande esta festa. A participación é total, e ver cada veciño sacar os seus traxes de gaña é o que envolve a festa nunha mística especial.
En canto á programación, como nos contaban onte os responsables da organización, do Concello e da empresa Fusión Medieval, ten bastantes novidades.
De primeiras, seguirán sendo uns 100 postos os que enchan a vila de artesanía, gastronomía, cetrería, talleres de oficio, exposición de aparellos de tortura...
Desfile por Desembarco
Pero o cambio máis importante é a inclusión dun Desfile no canto do Desembarco. É certo que o Desembarco sempre foi a insignia deste Mercado, pero nos últimos anos a batalla estaba perdendo interese e se estaba convertindo en algo repetitiva. Agora, a organización cambia a batalla da praia entre as tropas do arcebispo Rodrigo de Luna e o pobo corcubionés, por un Desfile avanzando un capítulo na historia. Serán as tropas vencedoras do Conde de Altamira, acompados polos veciños, os soldados presos do arcebispo recuperados polas tropas locais, e unha ampla comitiva, a que atravese a entrada de Corcubión (dende o Hórreo ata a Praza, velando a morte do heroe Gomes de Rioboo, para entregarllo á Dona Xoana de Castro, casada con Don Rodrigo de Moscoso, señor de Altamira.
Moita música
A música volverá ser a protagonista. Ata 5 grupos dinamizarán cos seus pasarrúas a festa, entre os que destaca a volta de dúas bandas moi queridas na vila: Acibreira, e o grupo portugués Cornalusa.
Ademais estará o mítico Fauno, o Faquin Mandarín, Atraspies Circo, o Dragón e mais Emad co seu baile sufí, animando con música e teatro de rúa. De feito, as noites de venres e sábado teremos música medieval.
Corcubión espera así que durate a fin de semana máis de 50.000 persoas pasen pola zona, o que dá conta da importancia turística que ten esta cita festexeira para toda a comarca de Fisterra.
Aquí vos deixamos unha mostra da festa que fai Acibreira en Corcubión:
E aquí, con Cornalusa:
Máis información
- Facebook do Mercado Medieval Costa da Morte.
- Twitter do Mercado Medieval da Costa da Morte.
- www.mercadomedieval.info.
Novas relacionadas
- 2013: O Mercado Medieval de Corcubión moderniza o Desembarco.
- Mercado 2012: O Mercado Medieval de Corcubión non perde tirón.
- Aparece unha Muralla Medieval no Campo do Rollo de Corcubión.
- Mercado 2010: As mil caras do X Mercado Medieval Costa da Morte.
- Mercado 2010: Noite de silencio e xantar de xúbilo no Medievo corcubionés.
- Mercado 2010: Reportaxe sobre o Desembarco do Mercado Medieval Costa da Morte: O pobo de Corcubión puido un ano máis coas Tropas do Arzobispo.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).