O Mercado Medieval de Corcubión cumpliu 20 anos para cambiar de ciclo

Tras dous anos de pandemia volvía unha das festas temáticas máis bonitas da Costa da Morte, e unha das feiras medievais máis auténticas do país. O XX Mercado Medieval Costa da Morte de Corcubión volveu vivir unha fin de semana intensa, completa, chea de xente de toda a comarca durante os 3 días. Un punto que ademais serve de punto de reencontro para tanta xente de toda a xeografía española que ten relación coa vila de San Marcos, e que cada ano aproveita o Mercado para volver ver ás súas amizades e familia.

A vila engalánase completamente e boa parte do pobo volve meterse no papel medieval e saca os seus disfraces gardados no arcón. É precisamente esa implicación da xente da vila o que lle dá ese sabor moito máis auténtico que, por exemplo, a Feira das Marabillas da Coruña, que este ano tamén coincidiu esta fin de semana. Non son xa aqueles tempos nos que o pobo era o protagonista do Desembarco, pero este ano si que volveron participar, tras dous divertidos días de ensaio, na singular representación teatra do Desembarco das tropas do Arzebispo de Santiago no 1.457.

O venres arrincaba a troula con máis xente que nunca, tanto na praia de Quenxe para ver o Desembarco, como no propio mercado, que quedaba tamén cheo de vida. Estaba a rebentar o areal para ver esa loita artellada pola empresa Rivendel, sobre a que recae boa parte da organización.

O sábado e o domingo, a vila quedou algo baleira nas horas de sol, pois a xente buscaba praia, pero as noites foron como as de antes, de compritas (algunhas clavadas…), de kebabs, de demostracións, de actuacións, de pasarrúas gaiteiros… Un auténtico fervedoiro de vida.

A organización

O equipo de organización do Mercado Medieval Corcubión

Era a décima edición que organizaba este grupo de voluntarios da Asociación Mercado Medieval. Outros 10 estiveran os Carlos Rey e compañía, polo que semella que os Piñeiro, Aquiles, Talo, Pana e demais xente desta organización van dar un paso a un lado.

Haberá que ver agora se hai relevo para este cambio de ciclo, que poida pelexar por convertir este evento en Festa de Interese Galego.

CRÓNICAS DOS MERCADOS