O BNG de Fisterra pregunta polos traballos na ría de Corcubión

A agrupación do Bloque Nacionalista Galego de Fisterra vai solicitar na xornada deste venres no Concello información sobre os traballos de prospección arqueolóxica que se levaron a cabo na ría de Corcubión. Falan os nacionalistas da necesidade deste tipo de traballos por mor da “inmensa riqueza patrimonial, tanto cultural como histórica” nas augas de Fisterra e da Costa da Morte. O BNG amósase a prol de protexer e recuperar o legado. Deste xeito, o voceiro da esquerda nacionalista na vila do Cristo, Modesto Fraga, vai preguntar polos achádegos recuperados durante as tarefas desenvolvidas nas últimas datas. Asemade, Fraga Moure quere coñecer onde se amosarán ao público estas reliquias arqueolóxicas, como moedas, vaixelas, artigos de cerámica ou munición. Ademáis, Modesto Fraga interesarase pola aportación do Concello fisterrán aos traballos, lembramos, financiados pola Xunta e o Goberno de España. Fraga quere coñecer tamén as actuacións desenvolvidas polo Concello para que toda a riqueza patrimonial atopada permaneza no municipio da fin do mundo.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Fisterra.