Piden ao Concello de Corcubión tomar medidas para evitar accidentes nun mítico edificio abandonado do centro da vila

A coñecida como Casa de Rosina, pegada á Taberna O Ribeiro, e en plena Avenida da Constitución de Corcubión, leva décadas en absoluto estado ruinoso e de total abandono. Ademais da perda patrimonial dun edificio tan bonito, o seu estado xa está a conlevar "un risco evidente que pon en perigo a integridade física dos viandantes que camiñan pola beirarrúa".

Así o entende o grupo Sempre Corcubión, que describe o escenario do seguinte xeito: "fiestras rotas a piques de caer ao chan, cristais na rúa, estrutura na que fácilmente poden soltarse cascallos ou elementos inestables cos temporais do inverno; suciedade interior e exterior..." "É necesario proceder a limpeza, retirar elementos da galería e garantir a seguridade das persoas", esixen dende o grupo, que piden ao grupo de goberno que "se tomen as medidas que estimen oportunas para salvagardar a seguridade da cidadanía".