Xabier Domínguez Traba, Drok, novo responsable local do BNG de Corcubión

Xabier Domínguez Traba, no centro nunha campaña por unha Tarifa Eléctrica Galega, entre Lois Lado e o mítico ex alcalde, Rafael Mouzo

Renovaba esta fin de semana a súa executiva o BNG comarcal. Hoxe, no marco do proceso de renovación en todos os seus órganos dende nivel estatal a local, anuncia o propio o BNG de Corcubión, que vén de escollero novo dirixente local: Xabier Domínguez Traba.

“Imos seguir traballando, para defender os intereses deste pobo e para convencer á veciñanza de que vai sendo hora do cambio, que precisamos un novo goberno que defenda os servizos públicos como ninguén, e iso só é posible cun alcalde do BNG”, sinalaba Domínguez, coñecido na vila como Drok.

Drok, traballador municipal no pavillón, substituirá a Paulino Castiñeira, que viña exercendo o cargo ata agora, e ao que se lle agradeceu o traballo realizado durante estes últimos anos.
Ademais, quere sinalar que “O BNG ten aberta as portas a toda a veciñanza que queira participar e poñer un gran de area nesta organización, en breve reiniciaremos as asembleas abertas, porque consideramos que é necesario que a xente se implique na defensa dos intereses deste concello, sobre todo, na dos servizos públicos, que cando non os recortan, os rebaixan”.

Lois Lado segue a ser o voceiro local.

Novas relacionadas