O BNG de Coristanco solicita asegurar a auga potable no CEIP Canosa Rus pero "sen provocar alarmas"

CEIP Canosa Rus-Foto-Jesus Aguiar

Segue aberta a polémica arredor do suministro de auga potable no CEIP Canosa Rus. Un asunto que o PSOE leva denunciando dende hai meses e ao que agora se une o BNG de Coristanco. O grupo, comandado agora polo voceiro Enrique Sierra, que fai un relato do vivido nos últimos anos: 

O Colexio Público de Infantil e Primaria Canosa-Rus, situado no lugar da Braña, na parroquia de Erbecedo de Coristanco, leva moitos anos tendo problemas co suministro de auga potable (entre outras deficiencias que acumula o centro escolar).

Podemos ir atrás no tempo, e recordar que este colexio foi, no seu inicio, pertencente e dependente do concello de Carballo (o seu nome o recorda). Pero tras un deslinde iniciado polo concello de Coristanco (sendo alcalde do PP, Antonio Pensado Plágaro), quedou dentro do termo Municipal de Coristanco

O obxetivo fundamental era a fábrica de taboleiros de aglomerado (UNEMSA), pero veu co premio dun colexio de Infantil e Primaria, onde máis da metade dos alumnos son veciños de Carballo.

Se temos un colexio en Erbecedo, temos que garantirlle os servizos, como manda a lei, e entre eles está a conexion de auga potable todo o ano, sen cortes e con garantías sanitarias. Este aspecto, o do suministro de auga potable, lévase incumprindo en varias ocasións este curso. En setembro do 2025 non chegaba a auga ós pisos de arriba do colexio, polo que os baños desas plantas quedaban fóra de uso co consiguiente problema sanitario. E a auga que chegaba á planta baixa era insuficiente para as necesidades diarias do comedor.

Identificado o problema, había que buscar solución. Sabendo que a traída municipal de Carballo pasa a escasos 300 metros, que a maioría dos alumnos do colexio son de Carballo e que houbo ofrecemento do Concello de Carballo para facer un convenio que facilitara o enganche á rede de auga potable do concello limítrofe. O grupo de governo do concello de Coristanco, co seu alcalde á cabeza e o tenente de alcalde e responsable de obras como brazo executor, decidiron facer un pozo de barreno nos terreos do centro escolar.

A auga que saía do pozo cheiraba, pero ainda así, decidiron conectala ás conduccións do colexio (según decían, para os baños e a limpeza do colexio), pero polas billas dos baños saía esa auga cheirenta e sin ningún control sanitario.

Un mes despois, encargan unha análise desa auga, dando uns resultados que daría para outro relato extenso... (NON POTABLE).

Estamos a finais de outubro e a decisión que toma o grupo de governo do concello de Coristanco é esperar a ver si a auga clarea, deixa de cheirar e que se convirta en potable.

Rematou o 2025, estamos a mediados de 2026, finalizando o curso, e o colexio está na mesma situación. Non se solucionou un problema de saúde pública que ninguén querería ter na súa casa, pero nenas, nenos, profesores, persoal do comedor e de limpeza seguen sufrindo este risco saniatrio e recurrindo a auga embotellada no día a día.

Pero, o importante é que non se cree ALARMA SOCIAL…

Quen se colga medallas cando veñen ben dadas, que asuman responsabilidades cando se equivocan.