O PSOE de Coristanco considera unha hipoteca para o Concello a cesión do DP-1910 que propón o rexedor

O presidente da Deputación Valentín González Formoso con Jose Manuel Abelenda, voceiro do PSOE de Coristanco

O PSOE de Coristanco reúnese coa Deputación da Coruña para pedir melloras nas estradas provinciais e rexeita a cesión da DP-1910 ao Concello por ser unha "hipoteca" para o futuro. 

 

O portavoz PSOE de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, tivo unha xuntanza co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, para abordar a situación das estradas provinciais que atravesan o municipio e reclamar actuacións urxentes tanto na DP-1910, que conduce ao Refuxio de Verdes, como na DP-1911, entre A Braña e Erbecedo.  

Respecto á DP-1910, que dá acceso ao Refuxio de Verdes, os socialistas reclamaron o seu arranxo e ensanche, tendo en conta o seu uso frecuente pola veciñanza e polos visitantes dunha das zonas naturais máis emblemáticas do municipio. “A vía é competencia da Deputación e debe ser o ente provincial quen asuma a súa mellora”, defendeu Pérez Abelenda.  

Neste sentido, o portavoz socialista mostrou o seu rexeitamento á intención do alcalde de solicitar a cesión desta estrada ao Concello. “Sería unha auténtica hipoteca para Coristanco, xa que dende o primeiro día o Concello tería que facerse cargo do seu mantemento cuns recursos que non temos”, advertiu. 

En relación coa DP-1911, Pérez Abelenda agradeceu o compromiso do presidente da Deputación para acometer en breve obras que melloren a seguridade viaria. “É unha boa nova para Coristanco, xa que esta estrada presenta un tránsito constante de vehículos e carece de beirarrúas, polo que é urxente garantir a seguridade da veciñanza”, sinalou.    

“O Goberno local actúa con absoluta irresponsabilidade ao querer asumir competencias que non lle corresponden, mentres que nin un só concello da contorna, nin en Bergantiños nin na Costa da Morte, está a pedir á Deputación que lle ceda vías provinciais, e por algo será”, concluíu Pérez Abelenda.