O PSOE de Coristanco denuncia a instalación dunha antena de telefonía na finca dun membro do PP

O voceiro socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, critica a instalación dunha antena de telefonía nunha finca pertencente a un membro da candidatura do PP na localidade. O socialista denuncia que a obra “avanzou sen información pública suficiente e sen diálogo previo coa cidadanía, provocou un malestar crecente que levou a numerosos veciños e veciñas a acudir este xoves ao pleno municipal para reclamar explicacións e defender o seu dereito a un entorno seguro e respectuoso coa convivencia”.

O voceiro pediu no pleno do pasado xoves transparencia e formulou ao alcalde unha batería de preguntas que buscan esclarecer a actuación do goberno local e determinar se se fixeron as xestións necesarias para evitar un impacto negativo no núcleo Brenlla e Couso.
O grupo socialista solicitou ao alcalde que detalle a data exacta na que o Concello tivo coñecemento do proxecto de instalación da antena, “unha información clave para entender por que non se activaron mecanismos de comunicación coa cidadanía nin se abriu un proceso de diálogo previo”.

Os veciños e veciñas, presentes na sesión plenaria, expresaron no pleno a súa preocupación polos posibles efectos da antena sobre a saúde, o impacto visual nun entorno rural consolidado e a perda de calidade de vida que supón situar unha infraestrutura destas características a poucos metros das súas casas. Reclaman que se estuden outras opcións e se abra un proceso de diálogo real.

O POS

O pleno do Concello de Coristanco si que aprobou, cos votos a favor do PP e a abstención do PSOE e BNG, o Plan Único 2026 da Deputación da Coruña cunha asignación total de 878.320,52 euros.

Do total do importe, 367.378,36 euros destinaranse a gasto corrente, que inclúen actuacións de mantemento, reparación e conservación de servizos municipais. En concreto, estes fondos permitirán continuar coa renovación do alumeado público coa finalidade de eliminar ata 150 puntos de alumeado público actualmente ineficientes desde o punto de vista enerxético, co que o resultado será que o 100% do alumeado público no Concello de Coristanco sexa prestado mediante sistemas de led de baixo consumo.

No que respecta aos investimentos, propóñense dous proxectos por valor de 510.942,16 euros. Destes, contémplanse 452.076,74 para a mellora da capa de rodaxe en Salgueiras e Bormoio, no núcleo da Serra, Lestón-A Serra, de Pousada, A Furoca, A Igrexa, A Torre, Cereixa, As Salgueiras, nos accesos en Amboade, nos núcleos de Carantos e Codesido e no acceso en Campo Longo; e 58.865,42 euros para o cambio de cuberta, a mellora de accesibilidade e o pintado dos muros exteriores no campo de fútbol Manuel Vecino.

Do mesmo xeito, aprobouse o Plan Complementario por un total de 776.467,80 euros pendentes da liberación de crédito por parte da Deputación ao longo do exercicio. Nel contémplanse, principalmente, actuacións para continuar coa aposta do goberno local por mellorar o saneamento e as infraestruturas viarias.